A primeira xornada contará coa participación da socióloga Elvira Santiago Gómez, da Universidade da Coruña, este sábado 10 de outubro ás 18:00 horas no Auditorio Capela do Pilar.

A primeira xornada contará coa participación da socióloga Elvira Santiago Gómez, da Universidade da Coruña, este sábado 10 de outubro ás 18:00 horas no Auditorio Capela do Pilar

A Asociación Boca de Sapo, comunidade ecosocial e cultural, pon en marcha este mes de outubro as «Xornadas Arredor do Lume», un ciclo de encontros que pretende analizar desde diferentes perspectivas as causas e consecuencias dos incendios forestais e a súa relación coas transformacións que está a experimentar o territorio rural.

A primeira sesión terá lugar este sábado 10 de outubro, ás 18:00 horas, no Auditorio Capela do Pilar, coa participación da socióloga Elvira Santiago Gómez, da Universidade da Coruña, que ofrecerá unha análise social arredor do fenómeno dos incendios forestais.

Baixo a inspiración do título do filme O que arde, as xornadas nacen coa vontade de abrir un espazo de reflexión colectiva sobre unha problemática que vai máis alá dos propios montes e que afecta tamén á diversidade, ao medio rural e á cultura propia das comunidades que habitan o territorio.

Ao longo do ciclo abordaranse cuestións como o despoboamento do rural, as políticas de prevención, os factores socioeconómicos e as transformacións territoriais, procurando achegar novas perspectivas a un fenómeno que habitualmente se analiza desde a inmediatez da emerxencia.

Desde Boca de Sapo destacan a importancia de afastarse das explicacións simplificadoras e favorecer unha mirada máis ampla sobre as causas estruturais dos incendios e as súas consecuencias sociais e territoriais.

As «Xornadas Arredor do Lume» propoñen así falar de vagar, escoitar diferentes voces, compartir coñecementos e fomentar o debate colectivo, fóra das présas da actualidade mediática e do ruído das redes sociais. A iniciativa pretende tamén contribuír a contextualizar a información sobre os incendios fronte á proliferación de bulos e discursos interesados que adoitan acompañar este tipo de situacións.

Con esta proposta, Boca de Sapo busca xerar un espazo de encontro e reflexión no que o lume sexa abordado non só como un problema ambiental, senón tamén como un fenómeno estreitamente ligado á estrutura social, económica e cultural do territorio rural galego.