Dous anos de dor e sen resposta: «Só quero que alguén mire o meu caso»

Unha veciña de Santa Comba, residente en Santiago, denuncia anos de dor incapacitante, demoras, falta de diagnóstico e dificultades para acceder a especialistas no Sergas. Prefire manter o anonimato.

«Quero vivir, pero así non quero vivir». Esta é unha das frases que resume o estado no que se atopa unha muller de 53 anos, veciña de Santa Comba e residente en Santiago, que leva preto de dous anos afastada do seu traballo por unha dor nos pés que, segundo explica, lle impide levar unha vida normal e volver traballar.

A historia comezou cunha dor na planta dos pés. O primeiro diagnóstico foi de fascite plantar. Foi derivada a unha podóloga, que lle indicou que tiña os pés planos e que necesitaba unhas plantillas polas que pagou arredor de 200 euros.

A dor non desapareceu.

«Estiven de baixa varios meses. Deronme antiinflamatorios, cremas e diferentes tratamentos, pero non melloraba», relata. Finalmente foi derivada a Traumatoloxía e posteriormente recibiu infiltracións e varias sesións de ondas de choque nos dous pés. Tampouco obtivo unha melloría significativa.

Ao mesmo tempo, a súa situación laboral foise facendo insostible. Traballaba como cociñeira e pasaba moitas horas de pé. A dor impedíalle desempeñar o seu posto. Ademais, comezou a presentar problemas nas mans: inchazón, cambios de cor e sensación de adormecemento, síntomas que ela relaciona coa enfermidade de Raynaud, aínda que asegura que non conseguiu que lle fixesen un diagnóstico que explicase globalmente o seu cadro.

«Levei fotografías das mans, pero non me diagnosticaron o Raynaud», afirma.

A paciente recorreu tamén á medicina privada para intentar avanzar na investigación do seu problema. Realizáronlle resonancias, electromiografías, ecografías e análises, entre outras probas. Segundo explica, os resultados non permitiron atopar unha solución á dor.

Un traumatólogo privado chegou a exporlle que o problema podía ter unha orixe neurolóxica. A paciente asegura que solicitou en varias ocasións ser valorada por Neuroloxía, tanto ao seu médico como no PAC, pero non conseguiu esa derivación.

Mentres tanto, o tratamento da dor foi aumentando. Probou diferentes medicamentos, entre eles antiinflamatorios, tramadol, paracetamol e pregabalina. Finalmente chegou a utilizar parches de fentanilo.

«Os parches drogábanme. Houbo momentos nos que era un perigo incluso para conducir. E, aínda así, a dor non desaparecía», explica.

A situación chegou a un punto límite.

A paciente asegura que cando intentou abandonar os parches sufriu diarrea, perda importante de peso, ansiedade e ataques de pánico, ademais dun incremento insoportable da dor. Afirma que pediu axuda ao seu médico para poder facer a retirada de maneira controlada, pero que non recibiu o apoio que esperaba.

«Eu pedía que me mandasen a algún sitio para que me axudasen a deixar os parches e a controlar a dor. A resposta era que tivese ánimos».

Finalmente conseguiu ser atendida pola Unidade da Dor, onde lle realizaron unha infiltración no pé esquerdo. Segundo explica, quedou pendente dunha nova chamada para continuar coa atención, pero esa chamada non se produciu no prazo que lle indicaran.

A día de hoxe continúa con dor intensa.

Descríbea como unha sensación de corte na planta do pé, ardor, pinchazos ou como se tivese unha pedra dentro da fascia. Incluso o roce das sabas ou dun pé contra o outro pode resultarlle molesto. Polas mañás a dor é algo máis tolerable, pero aumenta progresivamente ao longo do día ata facerse insoportable pola tarde e pola noite.

«Só desaparece cando durmo».

Pero incluso durmir converteuse nun problema.

A dor dificúltalle conciliar e manter o sono e, segundo conta, a medicación tampouco lle permitiu recuperar unha vida normal.

A situación tivo tamén consecuencias laborais. Foi despedida despois de non superar o recoñecemento médico da empresa, ao considerar a compañía que non podía desempeñar o seu posto nin se podía adaptar este ás súas limitacións. A paciente recoñece que asinou o despedimento e actualmente atópase no paro.

Tamén solicitou unha incapacidade, que lle foi denegada.

«Levo traballando desde os 15 anos. Sempre traballei moito. Agora teño 53 e non podo traballar porque non podo estar de pé nin facer unha vida normal».

Segundo relata, presentou numerosas reclamacións para intentar acelerar probas e consultas e chegou a pagar probas médicas pola vía privada para intentar atopar unha explicación ao seu problema.

«Eu non quero cartos nin quero aproveitarme de ninguén. Só quero que alguén mire o meu caso e descubra que me pasa».

A paciente considera especialmente frustrante que, despois de tantos tratamentos, infiltracións e ondas de choque, continúe sen unha explicación clara para unha dor que considera incapacitante.

«Dinme que teño que vivir coa dor. Pero eu pregunto: como se vive así?».

A situación tamén afectou gravemente á súa saúde mental. Durante os peores momentos chegou a ter pensamentos de non querer seguir vivindo.

«Quero deixar claro que eu quero vivir. O que non quero é vivir desta maneira, con esta dor e sen que ninguén me dea unha resposta».

Por iso decide facer público o seu caso, aínda que prefire manterse no anonimato.

O seu obxectivo é conseguir que algún profesional revise o seu historial de maneira global e determine se existe unha causa que aínda non foi identificada ou se precisa ser valorada por outra especialidade.

«Só quero que alguén vexa todo o que levo pasado, revise todas as probas e me diga a quen teño que acudir. Non pido que me prometan unha cura. Pido que non me deixen sen respostas».

Esta paciente solicita que o seu caso sexa revisado por especialistas e que se valore se precisa unha atención multidisciplinar, especialmente no ámbito da dor crónica e doutras posibles causas neurolóxicas ou musculoesqueléticas.

Prefire manter o anonimato por motivos persoais e laborais, pero está disposta a achegar documentación médica que permita acreditar a evolución do seu caso aos profesionais ou medios que estean interesados en investigalo.