A Romaría de San Fins do Castro volveu converterse nun dos grandes puntos de encontro do verán na comarca, cunha masiva afluencia de romeiros que, un ano máis, encheron o entorno de San Fins para gozar dunha xornada marcada pola tradición, a música, a convivencia e a diversión.
A xornada do sábado 1 de agosto comezou coas tradicionais dianas e alboradas, a cargo dos gaiteiros de O Son do Castro, que puxeron a banda sonora ás primeiras horas dunha celebración que se prolongaría durante todo o día e a noite.
As celebracións relixiosas tiveron tamén un papel protagonista, con misas desde as 09.00 horas. Ás 13.00 horas celebrouse a tradicional misa solemne, cantada pola Coral de Cesullas. Ao rematar o oficio relixioso, a Banda de Música Eduardo Pondal interpretou o himno dedicado a San Fins, dando paso a un dos momentos máis característicos e emocionantes da romaría: “O Berro Seco”.
Como manda a tradición, os romeiros puxéronse de cuclillas e, seguindo o berro do sacerdote, levantáronse ata en tres ocasións ao mesmo tempo que lanzaban o tradicional berro, nunha escena que volveu reunir a numerosos participantes.
A continuación chegou outro dos momentos máis esperados da xornada, coa tradicional queima do Santo da Pólvora, que puxo o punto festivo a esta parte das celebracións.
A música e o ambiente festivo continuaron durante toda a tarde. A sesión vermú estivo amenizada pola orquestra Los Españoles, mentres que as tradicionais merendas estiveron acompañadas pola música dos grupos folk Maruxía, Os Enxebres e Os Farrapos.
Xa pola noite, a romaría prolongouse coa gran verbena, que contou coas actuacións de Horizon e Los Españoles, encargados de poñer música e baile ata ben entrada a madrugada.
Un ano máis, a Romería de San Fins do Castro demostrou a súa enorme capacidade de convocatoria, cunha asistencia multitudinaria e un ambiente marcado polo civismo, a convivencia e as ganas de disfrutar. Romeiros de todas as idades volveron compartir unha xornada na que tradición e festa camiñaron da man.
A celebración pecha así unha nova edición cun balance moi positivo e coa satisfacción de volver manter viva unha das romarías máis populares e arraigadas da contorna.







