A suba dos prezos da sardiña e da carne en vésperas de San Xoán esperta críticas entre a veciñanza

A Coruña, 20 de xuño de 2026.- Mentres as traballadoras do sector do comercio de alimentación da provincia da Coruña, que inclúe cadeas como Gadis, continúan mobilizándose e realizando xornadas de folga polo bloqueo patronal na negociación do convenio colectivo, os consumidores atopáronse hoxe cunha nova sorpresa nos establecementos de alimentación: unha importante subida dos prezos da sardiña e da carne ás portas da celebración de San Xoán.

Segundo puideron comprobar numerosos clientes, o prezo da sardiña pasou nalgúns casos de arredor de 5 euros o quilo a superar os 9 euros, unha situación que tamén se estaría repetindo noutros produtos moi demandados nestas datas, como diferentes tipos de carne destinados ás churrascadas tradicionais.

A coincidencia desta escalada de prezos coa proximidade dunha das festas máis populares de Galicia xerou malestar entre moitos consumidores, que consideran que as grandes cadeas de distribución aproveitan o aumento da demanda para incrementar as marxes comerciais. «Por moito anuncio de Nadal ou campañas de proximidade, ao final a pasta é a pasta», comentaban algúns clientes á saída dos supermercados.

Ante esta situación, tamén xorden voces que apostan por fomentar a compra directa en lonxas, prazas de abastos e matadoiros locais, co obxectivo de apoiar aos produtores e reducir a dependencia das grandes superficies. Os defensores desta alternativa consideran que unha maior aposta polos circuítos curtos de comercialización podería contribuír a ofrecer prezos máis xustos tanto para produtores como para consumidores.

A poucos días da noite de San Xoán, a evolución dos prezos segue sendo un dos temas de conversación máis recorrentes entre as familias que xa preparan unha das celebracións máis multitudinarias do calendario galego.