
A Laracha, 6 de maio de 2026.– A Plataforma Stop Biogás A Laracha convocou para este sábado unha manifestación co obxectivo de amosar o rexeitamento veciñal ao proxecto dunha macroplanta de biogás prevista na parroquia de Soandres, moi próxima a núcleos de vivendas e co río Anllóns como punto de vertido dos residuos líquidos xerados pola instalación.
A mobilización arrancará ás 12:00 horas desde a praza Les Sables d’Olonne, situada xunto á Biblioteca Municipal da Laracha, e percorrerá diferentes rúas do municipio ata rematar diante da Casa do Concello, onde se procederá á lectura dun manifesto por parte da plataforma organizadora.
O proxecto, actualmente en fase de alegacións, xerou unha forte contestación social e institucional. Tanto o Concello da Laracha como todos os grupos políticos municipais manifestaron xa a súa oposición á iniciativa. Tamén a Deputación da Coruña e varios concellos limítrofes expresaron a súa preocupación polos posibles impactos ambientais e sanitarios da planta.
Entre as cuestións que máis inquietan á veciñanza atópanse os vertidos ao río Anllóns, que segundo denuncia a plataforma equivalerían ao volume de 2.000 camións cisterna anuais. Advirten de que esta situación podería afectar gravemente aos ecosistemas fluviais e á calidade da auga destinada ao consumo humano en diferentes municipios da comarca.
Outro dos aspectos sinalados polos colectivos contrarios á planta é a posible contaminación do aire derivada da emisión de cheiros e gases asociados á actividade industrial. Sobre esta cuestión pronunciouse recentemente o médico neumólogo Evaristo Lombardero durante unha charla informativa celebrada o pasado sábado no Mosteiro de Soandres. No encontro, organizado pola Plataforma Stop Biogás A Laracha, expuxéronse exemplos e estudos científicos relacionados cos efectos destas instalacións sobre a saúde da poboación.
As actividades informativas continuarán este domingo ás 12:00 horas no Casino de Carballo, cun novo encontro aberto ao público no que participarán Laura Barral, bióloga do CICA da Universidade da Coruña; Evaristo Domínguez, do Instituto de Estudos Bergantiñáns; e Vanessa Abeleira, enxeñeira civil. A plataforma asegura que continuará promovendo accións de sensibilización e mobilización social mentres avance a tramitación do proxecto.