O Punto de Libros Libres de Quintáns agradece a Manolo Vilar a doazón de libros

O Punto de Libros Libres de Quintáns, situado na antiga escola unitaria da parroquia muxiá, vén de recibir unha importante doazón bibliográfica da man do historiador e antropólogo Manolo Vilar Álvarez, natural de Santa Mariña e figura destacada da cultura galega.

Manolo Vilar, ex-director do Museo do Pobo Galego e membro do Seminario de Estudios Comarcais da Costa da Morte, realizou un agasallo composto por varias caixas de libros que xa forman parte dos fondos do punto de lectura de Quintáns.

Entre as numerosas achegas de Vilar á conservación e divulgación do patrimonio do concello de Muxía destaca tamén o labor de xestión do legado da investigadora Dorothé Schubert, depositado no Museo do Pobo Galego, integrado por documentos, gravacións e diverso material audiovisual relacionado co Cancioneiro Popular Galego e no que participan numerosas veciñas e veciños da comarca.

A doazón inclúe obras literarias de autores galegos como Antonio Fraguas, Manuel María, Manolo Rivas, Ana Cabaleiro, Manuel Veiga, Xerardo Quintiá, Rivadulla Corcón ou Héctor Pose. Entre os títulos destaca tamén a novela La hija del mar, ademais de varias obras colectivas de autoras galegas.

Non faltan tampouco publicacións de autores internacionais como Mario Benedetti ou Julio Cortázar, así como traducións de autores como Liam O’Flaherty, Ester Kinsky ou Leila Slimani.

A colección incorpora ademais obras relacionadas co patrimonio e a etnografía galega, entre elas “Os faros da Costa da Morte”, “Dicionario Xaquín Lorenzo, Xocas”, “Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil” ou “O hórreo atlántico e fisterrán”, de Xosé María Lema e Carlos Concheiro. Xunto a estes volumes tamén se suman revistas como “Alicerce” e “Terra e Tempo”, ademais de diferentes publicacións divulgativas sobre agro, paisaxe, tradición oral e etnografía de Galiza.

As persoas responsables do Punto de Libros Libres de Quintáns quixeron expresar publicamente o seu agradecemento a Manolo Vilar por unha doazón que “enriquece a iniciativa e pon a disposición da veciñanza unha pequena parte dos seus fondos bibliográficos”.

Desde a organización lembran que os libros están dispoñibles para toda a veciñanza do concello mediante un sistema sinxelo de préstamo: abonda con anotar nunha folla o título da obra e o nome da persoa que a leva. Ademais, para o caso de atopar pechada a escola unitaria, facilítase na entrada un teléfono de atención para acceder ao servizo.