
Roberto Barba mantivo unha conversa con alumnado de Animación Sociocultural para coñecer as súas percepcións e experiencias sobre a violencia contra as mulleres no ámbito dixital.
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2026. O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, participou esta tarde nun encontro con alumnado do ciclo de Animación Sociocultural, no que animou á mocidade a implicarse activamente na construción dun contorno dixital libre de violencia contra as mulleres.
Durante a conversa, Barba puxo o foco na importancia de escoitar a voz da mocidade, coñecer as súas percepcións, inquedanzas e experiencias en relación coa violencia de xénero, especialmente nas redes sociais e nos espazos virtuais. Esta aproximación permite identificar as necesidades das novas xeracións e avanzar na creación de ferramentas e iniciativas que contribúan a previr estas condutas.
O encontro serviu tamén para reflexionar sobre a importancia de promover unha contorna dixital máis igualitaria, inclusiva e segura, na que as mulleres poidan participar plenamente e libremente, sen sufrir discriminación, acoso ou violencia.
A Xunta aposta pola implicación da mocidade como parte fundamental na prevención e na loita contra a violencia de xénero, promovendo a sensibilización, a participación e a educación en igualdade como piares para construír unha sociedade libre de violencia tamén no ámbito dixital.
