A Xunta e o Concello de Negreira estudan actuacións de mellora de infraestruturas rurais

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, mantivo hoxe unha reunión co alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, co obxectivo de analizar posibles actuacións de mellora en infraestruturas relacionadas cos servizos da Consellería do Medio Rural neste municipio.

Durante o encontro, ambas autoridades abordaron diferentes necesidades do concello en materia de infraestruturas e servizos destinados ao apoio do rural, avaliando vías de colaboración entre a administración autonómica e local para impulsar actuacións que contribúan á mellora da calidade de vida da veciñanza e ao desenvolvemento do territorio.

A reunión enmárcase na liña de cooperación institucional que a Consellería do Medio Rural mantén cos concellos galegos para avanzar na modernización e reforzo dos servizos e equipamentos vinculados ao rural galego.