O BNG de Vimianzo denuncia “trato desigual” entre parroquias e reclama actuacións urxentes no rural

O grupo municipal do BNG en Vimianzo volveu denunciar o que considera un “trato desigual” por parte do goberno local nas distintas parroquias do concello. A formación nacionalista asegura que mentres nalgunhas zonas “se fan obras e incluso se reparan varias veces”, outras continúan “totalmente esquecidas pola alcaldesa”.

Segundo explican desde o BNG, estas reclamacións están sendo trasladadas de maneira reiterada nos plenos municipais, poñendo o foco no estado de numerosas pistas e servizos básicos do rural. Entre as parroquias e lugares afectados mencionan Orbellido, Padreiro, Cabazas, Bamiro, A Devesa ou Cambeda, que —aseguran— presentan un estado “lamentable”.

A formación tamén recolleu as queixas veciñais procedentes da zona da Toxa, onde residentes denuncian o mal estado dunha pista que, segundo afirman, leva meses pendente de reparación.

“Quedaron de vir arranxar a pista na Toxa hai tres meses e aínda non apareceu ninguén. Os coches tocan abaixo porque está toda desfeita”, sinalan veciños da zona, que reclaman unha actuación inmediata para evitar máis danos nos vehículos e mellorar a seguridade viaria.

Desde o BNG critican que exista unha falta de planificación e mantemento nas parroquias máis afastadas do núcleo urbano, e reclaman ao Concello de Vimianzo un reparto “xusto e equilibrado” dos investimentos municipais.

Os nacionalistas insisten en que o rural “non pode seguir sendo o gran esquecido” e piden ao executivo local que atenda con urxencia as demandas veciñais e execute as obras comprometidas.