A Xunta impulsa novas xornadas sobre control parental para promover un uso responsable da tecnoloxía

As sesións, dirixidas ás familias, celebraranse entre o 25 de setembro e o 7 de outubro en catro aulas da Rede CeMIT e no Centro GaiásTech

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2026.– A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), pon en marcha unha nova edición das xornadas formativas sobre control parental, destinadas a axudar as familias a acompañar a infancia e a mocidade no uso responsable e seguro da tecnoloxía.

Baixo o título “Tecnoloxía, infancia e mocidade: ferramentas para familias”, o ciclo desenvolverase entre o 25 de setembro e o 7 de outubro e ofrecerá ás familias recursos prácticos, coñecementos e pautas para favorecer uns hábitos dixitais saudables entre a rapazada.

As actividades consistirán en charlas presenciais de dúas horas de duración que se desenvolverán nas aulas da Rede CeMIT de catro concellos galegos. A primeira terá lugar este venres, 25 de setembro, na aula CeMIT de Ribeira. Posteriormente, o programa chegará tamén á Fonsagrada, Moaña e ao Barco de Valdeorras.

O ciclo completarase o 7 de outubro cunha sesión no Centro GaiásTech da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

Prevención, límites e acompañamento

Durante as xornadas abordaranse os principais riscos asociados a un uso inadecuado das tecnoloxías e ofreceranse recomendacións para establecer hábitos dixitais equilibrados, como a fixación de horarios e límites de uso, a creación de momentos de desconexión e o fomento da comunicación e do acompañamento por parte das familias.

As sesións tamén prestarán especial atención ás ferramentas e aplicacións de control parental, explicando diferentes medidas de prevención e supervisión que poden axudar as familias a xestionar o acceso da rapazada aos dispositivos e aos contidos dixitais.

Ademais, presentaranse recursos e propostas creativas para favorecer un uso positivo das TIC, procurando que a tecnoloxía se converta nunha ferramenta útil para a aprendizaxe, a comunicación e o lecer responsable.

Inscrición aberta

As familias interesadas en participar nas xornadas xa poden formalizar a súa inscrición a través do portal da Rede CeMIT. A participación nas sesións permitirá coñecer de primeira man ferramentas e estratexias para acompañar a infancia e a mocidade nun contexto dixital en constante evolución.