
Roberto Barba destaca o papel dos CIM Móbiles para achegar información e atención ás mulleres do rural e dos campus universitarios
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2026.– O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, defendeu este martes o compromiso da Xunta de Galicia co reforzo dos recursos destinados á prevención e sensibilización fronte á violencia de xénero. Fíxoo durante a súa participación na sesión plenaria do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, onde fixo balance das últimas iniciativas impulsadas polo Goberno galego.
Durante a súa intervención, Barba salientou a importancia de ampliar o alcance das actuacións e de achegar os recursos a aquelas zonas nas que existen maiores dificultades de acceso a este tipo de servizos. Neste contexto, puxo en valor a posta en marcha este ano dos CIM Móbiles, unha iniciativa destinada a reforzar o labor de prevención e sensibilización tanto no medio rural como nos campus universitarios.
Segundo explicou, estes dispositivos permiten achegar información e recursos a máis mulleres e facilitar o coñecemento dos servizos existentes para afrontar situacións de violencia de xénero.
O director xeral referiuse tamén ás guías de recursos distribuídas pola Xunta en diferentes espazos, co obxectivo de facilitar ás vítimas información sobre os procedementos que poden seguir, os lugares aos que poden acudir para solicitar axuda ou asesoramento e as prestacións e axudas ás que poden ter dereito.
Dentro destas medidas, destacou igualmente a elaboración dun documento específico para mulleres con discapacidade, pensado para ofrecer información accesible sobre os recursos dispoñibles ante calquera manifestación de violencia contra elas.
Barba trasladou ante o Pleno do Observatorio o compromiso do Goberno galego de continuar avanzando na loita contra a violencia de xénero mediante o reforzo das medidas xa existentes e a posta en marcha de novas iniciativas. Neste sentido, subliñou a importancia da colaboración entre as distintas administracións e institucións para mellorar a prevención, facilitar o acceso aos recursos e ampliar a atención a máis poboación en Galicia.

