
Unha persoa resultou excarcerada polos Bombeiros de Cee tras unha colisión entre dous vehículos no quilómetro 83 da AC-552, ao seu paso por Bustelo, na parroquia de Salgueiros, no concello de Dumbría. A vítima foi posteriormente trasladada ao Hospital Virxe da Xunqueira para recibir atención médica.
O accidente produciuse arredor das sete da mañá, cando un particular alertou ao 112 Galicia de que o ocupante dun dos turismos conseguira saír do vehículo pola ventá. Na chamada tamén se solicitaba asistencia sanitaria para outra das persoas implicadas no sinistro.
Ata o lugar desprazáronse efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Cee, voluntarios de Protección Civil de Dumbría e os servizos de mantemento da estrada.
Os bombeiros tiveron que liberar a unha das persoas feridas, que permanecía atrapada no interior do vehículo accidentado. Unha vez excarcerada, foi atendida polo persoal sanitario da ambulancia antes do seu traslado ao centro hospitalario.