Alternativa considera innecesario o pleno extraordinario sobre a Vía Ártabra e aposta por esperar a que o proxecto sexa público

A formación defende a eliminación das peaxes e a conexión coa A-6, pero reclama abordar o debate cando exista un proxecto concreto sobre a mesa.

Alternativa dos Veciños considera innecesaria a convocatoria dun pleno extraordinario solicitado por BNG, PSOE e UxC para debater o posicionamento municipal respecto da nova fase da Vía Ártabra, tras a publicación dunha noticia na prensa que apuntaba a un suposto acordo entre o PP e Alternativa para non presentar alegacións ao proxecto. Un acordo que, segundo a formación, foi desmentido polas dúas partes implicadas.

O grupo municipal cuestiona a oportunidade de celebrar unha sesión extraordinaria para debater sobre un proxecto que aínda se atopa en fase de redacción, non é público e tampouco conta con orzamento asignado. Alternativa sostén que este debate podería abordarse mediante unha moción ordinaria, evitando así un gasto innecesario para as arcas municipais.

A formación insiste en que o seu posicionamento sobre esta infraestrutura é claro: **non quere peaxes e considera imprescindible que a Vía Ártabra contemple a conexión coa A-6**. Porén, entende que as reivindicacións e alegacións deben formularse no momento oportuno, cando se coñeza o contido definitivo do proxecto.

«Nós non queremos peaxes e consideramos imprescindible neste proxecto a conexión coa A-6. Pero as cousas hai que pelexalas cando chegue o momento. Agora é preciso esperar a que esta fase da Ártabra se faga pública», sinalan desde Alternativa.

A formación tamén destaca os beneficios que esta infraestrutura pode supoñer para Cambre, tanto para o seu desenvolvemento como para aliviar o tráfico en zonas como O Graxal e O Temple. Non obstante, advirte de que o núcleo de Cambre terá que esperar a unha fase posterior para verse liberado do tráfico pesado, xa que a conexión coa A-6 estaría prevista nunha seguinte etapa da Vía Ártabra.

Alternativa dos Veciños volve reivindicar a necesidade de seguir traballando para impulsar as infraestruturas pendentes no municipio, entre elas a Vía Ártabra, o vial 11-17 e a eliminación das peaxes que actualmente condicionan os desprazamentos da veciñanza pola comarca.

A formación considera que o debate sobre estas actuacións debe centrarse en avances reais, planificación e garantías para Cambre, evitando anticiparse a proxectos que aínda non están definidos e defendendo, no momento correspondente, as necesidades do municipio.