
A formación reclama ao Goberno municipal explicacións sobre a procedencia dos números de teléfono e sobre o uso destas listas de difusión
Arteixo. Alternativa Enxebre denunciou publicamente o que considera unha práctica «inaceptable» por parte da concelleira de Maiores e Actividades Sociais, Fina Zas, relacionada co uso de listas de difusión de WhatsApp para comunicarse coa veciñanza.
Segundo explica a formación, varios veciños e veciñas de Arteixo trasladáronlle que están incluídos en listas de difusión nas que reciben comunicacións de maneira habitual sen ter autorizado, segundo aseguran, a súa incorporación nin o envío deste tipo de mensaxes.
Alternativa Enxebre considera especialmente preocupante a posible utilización de datos persoais para confeccionar estas listas e reclama coñecer «como se obteñen os números de teléfono, con que finalidade se utilizan e se todas as persoas incluídas prestaron realmente o seu consentimento».
Denuncian a difusión de información sobre falecementos
A formación sitúa o foco principal da súa denuncia na difusión, a través destas listas, de información relativa ao falecemento de veciños e veciñas de Arteixo, incluíndo en determinados casos datos sobre velorios ou enterros.
Alternativa Enxebre recoñece que unha concelleira pode ter coñecemento dun falecemento antes que outras persoas por razóns relacionadas co exercicio das súas funcións. Porén, considera que «o problema aparece cando esa información é difundida por iniciativa propia sen contar previamente coa autorización expresa da familia».
A formación política defende que corresponde aos familiares decidir se queren facer público o falecemento dunha persoa, en que momento e a través de que medios. «Hai familias que optan por publicar unha esquela, outras prefiren comunicar persoalmente a noticia aos seus achegados e outras desexan vivir ese momento na máis absoluta intimidade», sinala.
Segundo as testemuñas trasladadas á formación, teríanse producido casos nos que familiares coñeceron o falecemento dun ser querido a través dunha mensaxe recibida no teléfono antes de recibir a comunicación directa doutros familiares.
Para Alternativa Enxebre, trátase dunha situación especialmente dolorosa que «nunca debería producirse».
Reclaman transparencia sobre as listas de difusión
A formación tamén cuestiona o procedemento empregado para incorporar persoas ás listas de WhatsApp e reclama ao Concello de Arteixo información sobre o tratamento dos datos persoais da veciñanza.
Neste sentido, Alternativa Enxebre insiste en que non cuestiona que un cargo público manteña vías de comunicación directa coa cidadanía, senón o posible uso de datos persoais sen unha autorización clara e, especialmente, a difusión de información sensible relacionada con falecementos.
«A intimidade das familias, a dignidade das persoas falecidas e a protección dos datos persoais non son cuestións secundarias», afirma a formación.
Esixen ao Goberno municipal que poña fin á práctica
Ante esta situación, Alternativa Enxebre reclama ao Goberno municipal de Arteixo que investigue os feitos, garanta a transparencia no uso das listas de difusión e adopte as medidas necesarias para asegurar o respecto á protección dos datos persoais da veciñanza.
A formación considera que, «en política, non todo vale», e reclama que a actuación dos responsables públicos estea presidida pola prudencia, a sensibilidade e o respecto, especialmente cando se trata de momentos de especial dificultade para as familias.
Alternativa Enxebre conclúe que a decisión de comunicar publicamente o falecemento dunha persoa «corresponde exclusivamente á súa familia» e que ningún cargo público debería anticiparse a esa decisión sen contar coa súa autorización.