Alternativa Enxebre levará ao pleno unha moción para actuar fronte ao abandono de parcelas en Arteixo

Arteixo, 22 de xullo de 2026. A concelleira de Alternativa Enxebre, Noelia Martínez Canosa, defenderá no vindeiro pleno ordinario do Concello de Arteixo unha moción para impulsar un Plan Municipal Permanente de Inspección, Control e Actuación fronte ao abandono de parcelas, coa finalidade de reforzar a resposta municipal ante unha problemática que, segundo a formación, afecta cada vez a máis zonas do municipio.

A iniciativa busca establecer un sistema estable de inspección e seguimento das parcelas en estado de abandono, co obxectivo de mellorar a seguridade, a salubridade e a convivencia veciñal, ademais de reducir o risco de incendios.

Segundo explica a concelleira, o abandono de numerosos terreos deixou de ser unha situación puntual para converterse nun problema recorrente en distintas parroquias de Arteixo. Alternativa Enxebre lembra que nos últimos anos vén denunciando o estado de parcelas próximas a vivendas, edificios residenciais e espazos públicos, sen que en moitos casos se adoptasen solucións efectivas.

«O problema xa non é unicamente que existan propietarios que incumpren as súas obrigas, senón que o Concello non está conseguindo resolver estas situacións nun prazo razoable, mesmo cando son coñecidas e denunciadas pola propia veciñanza», sinala Martínez.

A moción reclama que o Concello impulse de maneira inmediata os expedientes actualmente abertos, esgotando todas as vías administrativas previstas pola lexislación e recorrendo, cando sexa necesario, á execución subsidiaria para garantir o cumprimento das obrigas legais por parte dos propietarios.

Ademais, a proposta establece a elaboración, nun prazo máximo de seis meses, dun Plan Municipal Permanente que permita localizar as parcelas abandonadas, fixar prioridades de actuación, reforzar os labores de inspección, coordinar os distintos servizos municipais implicados e realizar un seguimento continuado dos expedientes ata a restauración da legalidade.

Outro dos puntos da moción solicita que o Goberno municipal informe periodicamente ao Pleno sobre as actuacións desenvolvidas e o estado dos expedientes, co obxectivo de mellorar a transparencia e facilitar o control da evolución desta problemática.

Para Alternativa Enxebre, a creación deste plan permitiría pasar dun modelo baseado principalmente nas denuncias veciñais a unha actuación preventiva e continuada por parte da administración local, garantindo unha maior eficacia no cumprimento da normativa e unha resposta máis rápida ante situacións que poden afectar á seguridade das persoas e ao estado dos espazos públicos.