Alternativa Enxebre proclama a Noelia Martínez Canosa candidata á Alcaldía de Arteixo para 2027

A actual concelleira reivindica o traballo desenvolvido durante case catro anos na oposición e aposta por un cambio político baseado na transparencia, a igualdade de oportunidades e a defensa dos servizos públicos.

Alternativa Enxebre xa ten candidata para as eleccións municipais de 2027. A Asemblea Xeral da formación, celebrada este venres nunha sede ateigada de militantes e simpatizantes, proclamou a Noelia Martínez Canosa como cabeza de lista á Alcaldía de Arteixo nos comicios previstos para o 23 de maio do próximo ano.

A actual concelleira agradeceu a confianza depositada nela e asegurou afrontar esta nova etapa con máis ilusión que en 2023, ao contar agora cun proxecto político propio, independente e construído desde abaixo, froito do traballo colectivo dun equipo que permanece unido desde finais de 2018.

«Cada día que pasa estou máis convencida de que crear Alternativa Enxebre foi a mellor decisión que puidemos tomar. Hoxe somos totalmente libres e independentes, non dependemos de ninguén e non temos que pedirlle permiso a ninguén para defender aquilo no que cremos», manifestou Martínez Canosa.

A candidata reivindicou a identidade propia da formación e subliñou que a súa creación lles permitiu desenvolver unha liña política independente, sen asumir responsabilidades por decisións ou prácticas doutras organizacións coas que non compartían criterios. «Queremos que se nos coñeza polo noso traballo, polas nosas decisións e polos nosos propios actos», afirmou, destacando a legalidade, a honradez e a transparencia como principios fundamentais do partido.

Balance de case catro anos na oposición

Durante a súa intervención, Martínez Canosa fixo balance do traballo desenvolvido ao longo de case catro anos como concelleira da oposición no Concello de Arteixo. Segundo explicou, neste período presentou centos de preguntas e rogos, numerosas iniciativas plenarias e decenas de mocións, algunhas delas aprobadas por unanimidade, mesmo cos votos favorables do propio goberno municipal.

A fiscalización da actividade do executivo local, a revisión de expedientes administrativos, a defensa do patrimonio e do dominio público e a reivindicación dos centros educativos públicos e dos servizos sanitarios de atención primaria foron algunhas das principais liñas de actuación que destacou.

A concelleira tamén puxo o foco nos acordos aprobados polo pleno municipal que, segundo denunciou, quedaron sen executar por parte do goberno local.

«Non abonda con aprobar iniciativas. Hai que cumprilas. E tampouco abonda con facer promesas cada catro anos. Hai que demostrar que existe capacidade para convertelas en realidade», advertiu.

Martínez Canosa lembrou, ademais, que desenvolveu este labor sen percibir retribución económica do Concello e sen contar con dedicación parcial nin exclusiva. «Eu entendo a política como unha vocación, como unha maneira de traballar polos demais, de escoitar os problemas da xente e de defender o que consideramos xusto, aínda que ás veces resulte incómodo», sinalou.

A candidata quixo recoñecer tamén o papel do equipo que a acompaña, destacando que detrás das iniciativas, denuncias e demandas trasladadas á Administración local hai un grupo de compañeiros e compañeiras que traballa diariamente.

Transparencia e igualdade de oportunidades

A recuperación da confianza da cidadanía nas institucións municipais foi outro dos eixos centrais da súa intervención. A candidata considera necesario un cambio na forma de gobernar Arteixo e reclama unha Administración máis transparente, aberta ao diálogo e que garanta a igualdade de trato para toda a veciñanza.

Entre as súas prioridades situou a transparencia nos procesos de selección e nas convocatorias de emprego público municipal. Neste sentido, defendeu que todas as persoas deben ter as mesmas oportunidades para acceder a un posto de traballo no Concello, sen favoritismos nin privilexios e respectando os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade.

A formación tamén expresou a súa preocupación pola situación dos servizos xurídicos municipais, tras coñecerse publicamente unha investigación policial que afecta á letrada do Concello por presuntos delitos relacionados cunha trama de falsificación documental e con supostas irregularidades en trámites de estranxeiría e empadroamento.

Desde Alternativa Enxebre consideran que esta situación require explicacións por parte do goberno de Carlos Calvelo e reclaman garantías sobre o funcionamento da Administración municipal, así como os máximos niveis de transparencia e control institucional.

Martínez Canosa tamén marcou distancias co modelo de xestión do Partido Popular e defendeu que as institucións públicas deben estar ao servizo de toda a cidadanía, non de intereses particulares.

«O Concello de Arteixo é de todos os veciños e veciñas. Non é patrimonio de ningún partido político, de ningún alcalde nin de ningún empresario», afirmou.

### Un proxecto para as trece parroquias

De cara á próxima cita electoral, Alternativa Enxebre aposta por un modelo de concello no que os servizos públicos funcionen adecuadamente e se atendan as necesidades das trece parroquias de Arteixo.

A candidata defendeu tamén a protección do territorio e do medio ambiente, a igualdade de oportunidades e a construción dun municipio inclusivo e respectuoso coa diversidade cultural e ideolóxica.

A súa proposta pasa por situar a veciñanza no centro das decisións municipais e garantir que todas as persoas teñan cabida no proxecto de futuro do concello, independentemente da súa orixe ou condición.

No remate da súa intervención, Martínez Canosa agradeceu novamente o apoio recibido e comprometeuse a continuar traballando coa mesma dedicación ata o final da lexislatura.

«Seguirei dando o mellor de min, como concelleira, como compañeira e como unha veciña máis deste concello», asegurou.

A candidata pechou o acto entre os aplausos dos asistentes cunha mensaxe de determinación ante o novo ciclo electoral: «Nós si estamos preparados e preparadas. Preparados para dar a batalla e para gañala».