
Noelia Martínez presenta unha moción para que o alcalde comprobe a situación procesual da traballadora e valore a súa suspensión provisional se concorren os requisitos legais.
ARTEIXO, 25 de novembro de 2026. – Alternativa Enxebre reclama ao Goberno municipal de Arteixo que aclare a situación da letrada municipal tras a investigación da Policía Nacional sobre unha presunta trama de obtención fraudulenta da nacionalidade española.
A concelleira Noelia Martínez Canosa rexistrou unha moción para o Pleno deste xoves, 26 de novembro, na que insta o alcalde, Carlos Calvelo, a comprobar oficialmente se a profesional investigada é a traballadora municipal e cal é a súa situación procesual.
A operación policial, comunicada polo Ministerio do Interior o pasado 7 de outubro, saldouse coa detención de trece persoas, entre elas unha avogada, e coa intervención de 39 pasaportes presuntamente falsificados e 24.000 euros en efectivo. A investigación céntrase en posibles delitos de organización criminal, falsidade documental e contra os dereitos dos cidadáns estranxeiros.
Alternativa Enxebre lembra que, no Pleno de outubro, a portavoz do PP, Inés Ramos Álvarez, respondeu ás preguntas sobre a posible vinculación da avogada coa letrada municipal facendo referencia ás funcións e aos permisos de acceso desta última ás bases de datos do Concello, sen desmentir expresamente esa relación.
A formación considera insuficientes estas explicacións e reclama que a Alcaldía solicite a información e os informes necesarios.
A moción apóiase no artigo 181.2 da Lei 2/2015, do emprego público de Galicia, que contempla a suspensión provisional de funcións cando concorran os requisitos legais no marco dun procedemento penal.
A iniciativa pide que, se se confirma que a investigada é a letrada municipal e se cumpren as condicións establecidas na normativa, se acorde a súa suspensión mediante resolución motivada.
Ademais, reclama que o Goberno local informe á Corporación, nun prazo máximo de trinta días, das actuacións realizadas e das decisións adoptadas.
Martínez Canosa considera que o alcalde non pode escudarse na ausencia dunha comunicación oficial e debe asumir a súa responsabilidade, realizando as comprobacións oportunas para garantir o correcto funcionamento dos servizos xurídicos municipais.
A concelleira insiste en que a iniciativa non pretende cuestionar a presunción de inocencia, senón esixir que se actúe conforme á lei ante a gravidade dos feitos investigados.
