
A formación contou con alumnado procedente de diferentes lugares do mundo, entre eles Brasil, Cuba, Venezuela, Sri Lanka e o País Vasco.
Ramón Tojo destacou o papel desta iniciativa como punto de encontro para as persoas retornadas ou chegadas de fóra e como ferramenta para favorecer a súa integración na comunidade.
*ROIS, 6 de novembro de 2026.* O Concello de Rois celebrou este xoves, 5 de novembro, no Fogar do Selmo, o acto de entrega de diplomas do curso de introdución á lingua e á cultura galegas, unha iniciativa que reuniu persoas de diferentes procedencias interesadas en achegarse ao idioma e á realidade cultural de Galicia.
A formación, impartida pola profesora Noelia Amado, contou coa participación de alumnado procedente de Brasil, Cuba, Venezuela, Sri Lanka e o País Vasco, reflectindo a diversidade de orixes das persoas que residen no municipio e o seu interese por coñecer e integrarse na sociedade galega.
No acto estiveron presentes o alcalde de Rois, Ramón Tojo; a concelleira de Cultura, Educación e Lingua, Victoria Quiroga; o concelleiro de Xuventude, Deportes e Asociacións, José Luis Ares; a técnica de Normalización Lingüística, Inma Seage, e a docente responsable do curso.
Durante a entrega dos diplomas, Ramón Tojo puxo en valor a dimensión social desta proposta formativa e a súa contribución á integración das persoas no municipio. «Estes cursos son un punto de encontro para as persoas retornadas e para quen chega de fóra. Coñecer a nosa lingua e a nosa cultura axúdalles a participar na vida cotiá de Rois e a sentirse parte da comunidade», sinalou o alcalde.
O curso desenvolveuse entre o 1 e o 14 de setembro no local social de Urdilde, cunha duración total de 20 horas. As sesións combinaron unha metodoloxía participativa con situacións reais de comunicación, co propósito de facilitar unha primeira aproximación ao galego e á cultura de Galicia e promover o uso do idioma nas actividades cotiás.
A actividade foi organizada polo Concello de Rois en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia. A participación foi gratuíta e estivo dirixida a persoas maiores de 16 anos interesadas en iniciarse no coñecemento do galego ou ampliar as súas competencias lingüísticas, sen necesidade de contar con formación previa.
Ademais, o alumnado dispuxo de material didáctico adaptado, facilitado pola Xunta de Galicia, para apoiar o proceso de aprendizaxe.
Con iniciativas coma esta, o Concello de Rois continúa apostando pola promoción da lingua galega e pola difusión da súa cultura, ao tempo que crea espazos de convivencia e participación que contribúen a facer do municipio unha comunidade máis aberta e integradora.
