
Dúas persoas resultaron feridas na madrugada deste sábado tras unha aparatosa saída de vía rexistrada no quilómetro 9 da estrada AC-960, ao seu paso por San Miguel de Vilar, no concello de Touro.
O accidente produciuse poucos minutos despois das 00.30 horas. Foi un particular quen deu o aviso ao 112 Galicia, informando de que un vehículo se atopaba fóra da calzada, nunha zona de matogueira, e de que unha das persoas ocupantes permanecía atrapada no seu interior.
Ata o lugar desprazáronse efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Arzúa, a Garda Civil de Tráfico, o Grupo de Voluntarios de Protección Civil de Touro e os servizos de conservación e mantemento da estrada.
Os bombeiros tiveron que empregar o seu equipo de excarceración para liberar unha das persoas implicadas, que se atopaba inconsciente no interior do vehículo. Unha vez rescatada, foi atendida polos servizos sanitarios e evacuada en ambulancia xunto coa outra persoa ferida.
As circunstancias nas que se produciu a saída de vía están a ser investigadas.