APIN Ponteceso denuncia o estado do parque infantil da Ponte e critica a demora na súa renovación

APIN Ponteceso denunciou o mal estado no que se atopa o parque infantil da Ponte, asegurando que existe un malestar xeneralizado entre as familias e persoas usuarias desta instalación.

Segundo a entidade, o parque presenta importantes deficiencias, especialmente no pavimento, unha situación que consideran preocupante tendo en conta a elevada afluencia de nenos e nenas que fan uso diario deste espazo.

Desde APIN lembran que a renovación do parque constitúe a única inversión prevista polo Concello na Ponte durante o actual mandato, cun importe de 60.000 euros. Con todo, critican que o proxecto continúa sen ser licitado, polo que consideran que as familias seguen soportando unhas instalacións en condicións deficientes.

A asociación cuestiona se o atraso responde a unha estratexia para executar a obra máis preto das próximas eleccións municipais e poder presentar un parque renovado nese momento. «Mentres tanto, os nenos e nenas teñen que sufrir as deficiencias actuais», sinalan.

Ademais, APIN destaca que o Concello destina arredor de 2.500 euros mensuais ao mantemento dos parques infantís do municipio, unha cifra que, ao seu xuízo, non se reflicte no estado de conservación dalgunhas instalacións, como a do parque da Ponte.

A asociación reclama unha actuación urxente para garantir a seguridade e a calidade dun espazo de lecer utilizado diariamente por numerosas familias.