
A Asociación Mulleres Salgadas denunciou publicamente o atraso no pagamento das axudas aprobadas para compensar a perda de ingresos das mariscadoras e mariscadores afectados polo peche dos bancos marisqueiros da ría de Arousa.
A entidade lembra que, meses despois do peche da actividade extractiva e da aprobación das medidas económicas destinadas ao sector, numerosas familias continúan sen recibir os importes comprometidos pola Administración.
Desde Mulleres Salgadas consideran «inaceptable» esta situación, ao tratarse de axudas xa anunciadas e reguladas, creadas precisamente para paliar as consecuencias dunha crise que segue afectando gravemente á economía das persoas que viven do mar.
A asociación critica a falta de prazos claros e a demora continuada na tramitación dos pagamentos, unha situación que, ao seu xuízo, transmite ao sector a sensación de que «as necesidades da xente do mar non son unha prioridade».
Neste contexto, a organización formula varias preguntas á Administración: «Que xustifica esta falta de acción? Que obxectivo ten seguir adiando uns pagamentos xa tramitados? Como se explica este abandono institucional ás familias que levan meses agardando unha resposta?»
Mulleres Salgadas reclama compromiso, transparencia e unha xestión máis áxil, lembrando que «as mariscadoras e mariscadores non precisan máis anuncios nin máis titulares», senón solucións efectivas e respecto polo seu traballo.
A asociación subliña ademais que detrás de cada expediente administrativo hai persoas, familias e un sector estratéxico para a economía e a identidade das rías galegas, polo que considera imprescindible que a Administración cumpra cos compromisos adquiridos.
Finalmente, a entidade fai un chamamento para que se aceleren os pagamentos e insiste en que «xa é hora de pasar das palabras aos feitos».