
Dumbría (A Coruña), 12 de xuño.– Unha muller de arredor de 80 anos foi atopada sen vida onte pola tarde na praia do Ézaro, no concello de Dumbría.
O achado produciuse sobre as 16:30 horas, cando un bañista alertou aos servizos de emerxencia da presenza dunha persoa flotando na auga preto da beira.
Mentres agardaban pola chegada dos equipos de rescate, varios mozos conseguiron sacar a muller do mar e permaneceron xunto ao corpo ata a chegada dos efectivos de emerxencias. Ao lugar desprazáronse sanitarios, axentes da Garda Civil, voluntarios de Protección Civil de Dumbría e un helicóptero medicalizado.
Os profesionais sanitarios practicáronlle manobras de reanimación cardiopulmonar, pero non foi posible salvarlle a vida. Finalmente, os servizos médicos confirmaron o seu falecemento no propio lugar dos feitos.
Polo momento, descoñécense as causas da morte, e as autoridades manteñen aberta unha investigación para esclarecer as circunstancias do suceso.