Aurea Domínguez cuestiona a montaxe das imaxes emitidas pola TVG durante a moción de censura en Fisterra

A exalcaldesa de Fisterra, Aurea Domínguez, aproveita o primeiro aniversario da moción de censura que deu a alcaldía ao actual rexedor, Luis Insua (PP), para lembrar o acontecido naquela sesión plenaria e reclamar maior rigor e responsabilidade na información ofrecida polos medios públicos.

Domínguez sinala que a Televisión de Galicia estivo presente no pleno e realizou a gravación da sesión. Segundo denuncia, na información emitida posteriormente pola TVG as imaxes dos aplausos dunha parte da veciñanza á alcaldesa cesante apareceron asociadas ao momento da proclamación do novo alcalde.

Na súa opinión, esta edición das imaxes podía transmitir unha interpretación diferente da secuencia real dos feitos. A exalcaldesa explica que parte do público se puxo en pé para amosarlle o seu recoñecemento e afecto tras deixar o cargo, e destaca que entre esas persoas se atopaban familiares e amizades.

“Esta montaxe pode transmitir unha interpretación que non se corresponde coa secuencia nin co sentido real dos acontecementos vividos naquela sesión”, afirma Domínguez.

A exrexedora considera que a cuestión vai máis alá daquela sesión concreta e sitúaa no ámbito da responsabilidade dos medios de comunicación, especialmente cando se trata dun servizo público como a Corporación de Radio e Televisión de Galicia.

Desde o respecto ao traballo dos profesionais da comunicación, Domínguez reivindica que a cidadanía debe recibir unha información “rigorosa, contextualizada e fiel ao acontecido” e considera que a utilización das imaxes debe respectar o contexto no que foron gravadas.

A exalcaldesa defende así a importancia de preservar a transparencia e o respecto polos feitos como elementos fundamentais dunha información pública veraz e responsable.

Un ano despois daquela moción de censura, Domínguez recupera este episodio para reclamar que os acontecementos políticos e sociais de Fisterra sexan relatados con rigor e sen edicións que, ao seu xuízo, poidan alterar a percepción do sucedido.