
A agrupación cidadá Avanza Malpica vén de lanzar unha forte crítica contra a corporación municipal de Malpica de Bergantiños, á que acusa de “inacción política” e de priorizar a recadación fronte á mellora dos servizos públicos.
Nun comunicado difundido nas últimas horas, o colectivo cuestiona abertamente a recente decisión do goberno local de incrementar taxas e impostos. Segundo sinalan, esta medida resulta “inxustificada” nun contexto no que, aseguran, non se perciben avances nin investimentos visibles no municipio.
“Os veciños e veciñas fanse todos os días a mesma pregunta: en que se está gastando o diñeiro?”, recollen desde Avanza Malpica, que describe unha situación de “abandono xeralizado” tanto no núcleo urbano como no conxunto da bisbarra.
A organización tamén ironiza coa explicación ofrecida polo executivo municipal para xustificar a subida impositiva —a adaptación de taxas de pesetas a euros—, cualificándoa de “escusa pouco convincente” e cuestionando que este proceso non se realizase con anterioridade.
Ademais, denuncian o que consideran un “afán recadatorio” por parte do goberno local, ao tempo que reclaman unha revisión das prioridades políticas. “Se os servizos non melloran, non ten sentido aumentar a carga fiscal da cidadanía”, sosteñen.
Desde Avanza Malpica esixen medidas urxentes para reverter a situación e demandan unha maior transparencia na xestión dos recursos públicos. O colectivo conclúe cunha chamada directa á acción: “É momento de arranxar isto xa e poñer os intereses da veciñanza no centro das decisións”.
Polo momento, a corporación municipal non respondeu publicamente a estas críticas.