Cabanas celebra o seu magosto cunha tarde de actividades infantís e música

A celebración terá lugar o sábado 17 de outubro no Local Social do C.C.R.D. San Martín do Porto e contará con propostas para toda a familia

O Concello de Cabanas celebrará o vindeiro sábado 17 de outubro o tradicional magosto, cunha programación pensada para desfrutar dunha completa xornada de outono en familia. As actividades desenvolveranse no Local Social do C.C.R.D. San Martín do Porto e combinarán obradoiros infantís, gastronomía e música.

A programación dará comezo ás 17:30 horas cos talleres infantís, que se prolongarán ata as 19:30 horas. Durante esta tarde, os máis pequenos e pequenas poderán participar en diferentes propostas como pintacaras, globoflexia, cociña terrorífica e a elaboración dun morcego voador, nun ambiente festivo e pensado especialmente para o público infantil.

Tras os obradoiros, os participantes poderán repoñer forzas cunha merenda de castañas e chocolate, dous dos produtos protagonistas desta celebración tradicional do outono.

A festa continuará pola noite, a partir das 21:30 horas, cunha sesión de animación musical a cargo de Alberto Bellón. Durante a velada tamén se ofrecerán castañas e liscos, mantendo así o carácter tradicional e gastronómico do magosto.

O Concello de Cabanas anima á veciñanza a participar nesta celebración, que busca reunir a persoas de todas as idades arredor dunha das tradicións máis características do outono galego.

A participación é gratuíta e non é necesaria inscrición previa.