Camariñas acollerá unha andaina solidaria pola Ataxia de Friedreich para apoiar a Juan Pérez González

A iniciativa celebrarase o domingo 27 de setembro e os fondos recadados destinaranse ás terapias do camariñán Juan Pérez González

Camariñas prepara unha xornada de solidariedade para apoiar a Juan Pérez González, veciño do municipio afectado por Ataxia de Friedreich. O vindeiro domingo 27 de setembro celebrarase unha andaina solidaria co obxectivo de recadar fondos que permitan sufragar as terapias que precisa o camariñán.

A marcha dará comezo ás 12:00 horas, con saída desde o paseo da Ponte do Porto, nunha convocatoria aberta á participación da veciñanza e de todas aquelas persoas que queiran sumarse á causa.

Para colaborar coa iniciativa e formalizar a inscrición, os participantes poden adquirir a camiseta solidaria, dispoñible a través do teléfono 697 828 580. A compra da camiseta permitirá contribuír directamente á recadación destinada ás terapias de Juan.

A organización anima a veciñanza a participar nesta actividade solidaria e a converter a andaina nunha demostración colectiva de apoio e compromiso.

Camiñamos xuntos, chegamos lonxe.