
As obras, financiadas pola Xunta con máis de 18.000 euros, estarán rematadas antes do inicio do curso escolar
A escola infantil pública de Muxía está a ser obxecto este verán de diversas obras de mellora destinadas a ampliar e adecuar a zona de descanso dos bebés, co obxectivo de ofrecer un espazo máis cómodo, seguro e adaptado ás necesidades das crianzas.
Esta semana, o alcalde de Muxía, Javier Sar, a tenente de alcalde, Sandra Vilela, e a concelleira de Educación, Aurelia Picallo, visitaron o centro acompañados polo xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, para comprobar de primeira man o avance dos traballos.
A actuación conta cun financiamento da Xunta de Galicia superior aos 18.000 euros e foi contratada e executada polo Concello de Muxía. Entre as intervencións previstas inclúense a renovación dos pavimentos e teitos, a mellora dos acabados interiores e actuacións nas instalacións de electricidade e ventilación.
Segundo está previsto, os traballos quedarán finalizados antes do 7 de setembro, data fixada para o inicio do novo curso escolar. Deste xeito, as crianzas poderán regresar ás aulas dispoñendo dun espazo de descanso renovado e máis axeitado ás súas necesidades.
Desde o Concello destacan que esta intervención forma parte do compromiso por continuar mellorando os servizos públicos destinados ás familias de Muxía e por garantir unhas instalacións educativas cada vez máis adecuadas para as crianzas.
