
A actuación, financiada polo Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia, contará cun investimento de 30.976 euros e permitirá renovar as luminarias por tecnoloxía LED
O Concello de Camariñas levará a cabo unha actuación de mellora do alumeado público no núcleo poboacional de Ponte do Porto, co obxectivo de incrementar a eficiencia enerxética da instalación e optimizar as condicións de iluminación das vías e espazos públicos.
A intervención estará financiada polo Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia e contará cun investimento de 30.976 euros.
Os traballos permitirán substituír as luminarias existentes por outras de tecnoloxía LED, máis eficientes e de menor consumo. Segundo o Concello, a actuación contribuirá á redución do consumo enerxético e das emisións de gases de efecto invernadoiro.
Ademais da mellora da iluminación pública, o proxecto busca incrementar a seguridade viaria, limitar a contaminación lumínica e reducir a denominada luz intrusa ou molesta.
Un sistema de telexestión para controlar o alumeado
Unha das principais novidades será a incorporación dun sistema de telexestión, que permitirá controlar de maneira máis eficiente o funcionamento da instalación, incluíndo os horarios de acendido e apagado das luminarias.
A actuación tamén contempla a adecuación da instalación e do cadro de mando e protección, así como a renovación das liñas de distribución que se atopen afectadas polos traballos.
Con esta intervención, o Concello de Camariñas pretende modernizar o alumeado público de Ponte do Porto, reducindo o gasto enerxético e mellorando ao mesmo tempo a calidade e seguridade da iluminación no núcleo.

