
Agora resulta que a algúns lles entra a urxencia por falar do CEIP O Coto como se descubrisen o problema hoxe. O curioso é que hai tempo que hai quen leva denunciando o estado do colexio, mentres outros miraban para outro lado con total comodidade.
Todo o mundo sabe que o centro precisa melloras urxentes. Non é novo, non é sorpresa, e desde logo non é material para discursos grandilocuentes no Parlamento galego como se con iso se arranxasen paredes, patios ou instalacións.
Pero claro, sempre hai quen prefire a foto e o titular antes que o traballo real.
E aquí entra o de sempre: o BNG ten representación no Concello de Negreira, que é precisamente a administración responsable do mantemento do colexio. E a pregunta é evidente: que fixeron durante todos estes anos?
Porque mentres agora soben ao atril a dar leccións e facer “speeches” moi vistosos, a realidade no centro non cambiou ao ritmo desas intervencións.
Hai quen sostén que a súa implicación foi inexistente ou, como mínimo, irrelevante. E non é unha opinión nova nin illada: é unha percepción bastante estendida entre quen leva tempo vendo como se deterioran as instalacións sen respostas á altura.
O PP de Negreira sinala esta contradición: moito discurso, moita escenificación política, pero pouca xestión efectiva no lugar onde realmente se pode actuar.
En resumo: outra vez máis interese en crear relato político que en resolver problemas reais. E mentres tanto, o CEIP O Coto segue agardando melloras que non chegan.