Convocan unha protesta simbólica para reclamar a reapertura da Ría de Baldaio

A cita será o vindeiro venres ás 20:30 horas na Ponte da Ría de Baldaio, onde os participantes realizarán unha acción simbólica con pas de plástico para denunciar o deterioro ambiental do espazo.

Colectivos e veciñanza convocan para este venres, 17 de xullo, unha acción de protesta e sensibilización na Ponte da Ría de Baldaio co obxectivo de reclamar medidas urxentes para a reapertura da canle da ría e garantir a súa conservación.

Segundo denuncian os organizadores, o peche actual da desembocadura está a impedir a entrada de auga salgada e o intercambio natural das mareas, unha situación que, aseguran, está a provocar un grave deterioro do ecosistema. Entre as consecuencias sinalan a mortaldade de marisco e peixes, así como a afectación da fauna e da flora características deste espazo natural.

Baixo a lema de defender a supervivencia da ría, a convocatoria inclúe unha acción simbólica na que se invita aos asistentes a levar unha pala de plástico de xoguete. Durante o acto, realizarase unha simulación colectiva de retirada da area que bloquea a canle, como mostra da necesidade de actuar para recuperar o fluxo natural das augas.

A concentración terá lugar ás 20:30 horas na Ponte da Ría de Baldaio, onde os promotores fan un chamamento á participación cidadá para visibilizar a problemática e reclamar ás administracións competentes unha solución inmediata que permita recuperar este enclave de alto valor ecolóxico.

Os convocantes insisten en que o futuro da Ría de Baldaio depende da adopción de medidas urxentes que garantan a súa recuperación e eviten que continúe o deterioro dun dos espazos naturais máis emblemáticos da comarca.