
A vila mariñeira de Corcubión celebra desde este xoves 16 de xullo as tradicionais Festas do Carme, unha das citas máis destacadas do verán na Costa da Morte. Durante tres xornadas, veciñanza e visitantes poderán gozar dun amplo programa que combina actos relixiosos, música, sesións vermú, verbenas e actividades para toda a familia.
A programación comezará o xoves 16 cos pasarrúas das charangas O Rumbo. Ás 11.00 horas celebrarase a misa cantada na honra da Virxe do Carme, coa participación da Banda de Música de Cee. Ao remate terá lugar a tradicional procesión marítima, un dos actos máis emotivos das festas, acompañada tamén pola banda.
Finalizados os actos litúrxicos, a celebración continuará coa sesión vermú a cargo da formación Salsarena, que volverá subir ao escenario pola noite para amenizar a verbena xunto coa disco móbil CDC.
O venres 17, a música será de novo protagonista coa sesión vermú da orquestra Escaparate. A partir das 22.30 horas, a mesma formación encargarse da verbena, compartindo cartel coa disco móbil Mega CDC.
As festas despediranse o sábado 18 cunha xornada pensada para todos os públicos. A sesión vermú estará amenizada por Judith Cundíns e, desde as 17.00 horas, os máis pequenos poderán desfrutar de inchables gratuítos. A verbena dará comezo ás 22.30 horas, coa actuación de Judith Cundíns e a animación musical da disco móbil CDC.
As Festas do Carme volverán converter Corcubión nun punto de encontro para veciños e visitantes, mantendo viva unha celebración na que a tradición mariñeira, a devoción á patroa dos mariñeiros e a música se dan a man para encher de ambiente festivo as rúas e o porto da vila.