
O Goberno municipal de Corcubión, encabezado polo BNG, reafirmou a súa aposta pola vivenda pública e a rexeneración urbana como piares fundamentais para revitalizar o Casco Histórico e favorecer a fixación de poboación na vila.
Nunha reunión mantida coa Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia, o executivo local presentou un conxunto de actuacións estratéxicas destinadas a responder ás necesidades actuais do municipio e avanzar nun modelo de desenvolvemento sostible e inclusivo.
Entre as principais propostas destaca a creación de 26 novas vivendas protexidas no Casco Histórico, unha iniciativa coa que o Goberno municipal pretende facilitar o acceso á vivenda, especialmente entre a poboación moza e as familias, contribuíndo así a atraer e fixar poboación activa en Corcubión.
Durante o encontro, os representantes municipais tamén solicitaron á Xunta un investimento de 250.000 euros para acometer a reforma integral da contorna da Praza Castelao, unha actuación que permitiría culminar o plan de humanización do centro urbano, mellorando os espazos públicos e reforzando o atractivo do Casco Histórico como lugar para vivir e desenvolver actividade económica e social.
Ademais, os edís trasladaron á Consellería a necesidade de actuar na urbanización Agra da Ribeira, onde reclamaron medidas que garantan a accesibilidade ás vivendas da veciñanza de maior idade. O obxectivo é eliminar barreiras arquitectónicas e facilitar que as persoas maiores poidan permanecer nos seus fogares con maior autonomía e calidade de vida.
Desde o Goberno municipal destacan que estas iniciativas responden a unha estratexia global que combina o acceso á vivenda, a mellora do espazo público e a atención ás necesidades da veciñanza para construír un Corcubión máis dinámico, accesible e con oportunidades de futuro.
O executivo local agarda contar coa colaboración da Xunta de Galicia para facer realidade estes proxectos, considerados prioritarios para o desenvolvemento do municipio e para consolidar un Casco Histórico vivo, habitado e plenamente integrado na vida social e económica da v