Corcubión denuncia un novo acto vandálico na praza Castelao tras destrozaren a marquesina do autobús

O Concello de Corcubión denunciou publicamente nas redes sociais un novo acto de vandalismo ocorrido durante a pasada fin de semana no municipio. Nesta ocasión, os danos afectaron á marquesina do autobús situada na contorna da praza Castelao, que apareceu cos cristais completamente esnaquizados.

Dende a Concellería de Urbanismo lamentan que este tipo de comportamentos “empezan a ser demasiado frecuentes e habituais” nesta zona da vila. Ademais, subliñan que se trata da segunda vez que esta infraestrutura sofre importantes desfeitas, o que incrementa a preocupación do goberno local polo deterioro do mobiliario urbano.

No comunicado difundido polo Concello, recórdase que “o mobiliario urbano é de todos e todas” e advírtese de que o constante goteo de reparacións supón un importante custo económico que repercute directamente na veciñanza.

Por este motivo, o executivo municipal fai un chamamento urxente ao civismo e á colaboración cidadá para frear estas dinámicas incívicas e contribuír ao coidado dos espazos públicos da localidade.

O Concello insiste na necesidade de preservar os bens comúns e aposta pola implicación da cidadanía para evitar que se repitan feitos similares no futuro.