
A Garda Civil desmantelou un presunto punto de venda de drogas no concello de Dodro (A Coruña) no marco da denominada Operación Basai, unha investigación que se prolongou durante varios meses e que culminou coa detención dun home.
Segundo informou o instituto armado, a investigación iniciouse tras detectar un continuo movemento de persoas nunha vivenda da localidade, circunstancia que espertou as sospeitas dos axentes sobre a posible existencia dun punto de distribución de substancias estupefacientes.
Durante o rexistro do inmoble, os investigadores interviñeron un total de 1.278 doses de droga que, presuntamente, estaban preparadas para a súa venda e distribución. Entre o material incautado atopábanse 45 doses de cocaína, 816 doses de resina de haxix e 417 doses de marihuana.
A Garda Civil considera que, coa desarticulación deste punto de venda, queda desmantelada unha infraestrutura que, presuntamente, abastecía de droga a consumidores da comarca do Sar-Padrón.
As dilixencias continúan abertas e o detido foi posto a disposición da autoridade xudicial como presunto autor dun delito contra a saúde pública.