
Por Manuel Lago Álvarez (Manolo de América)
Por un documento conservado nos arquivos da Universidade de Santiago, queda acreditado que, en outubro de 1493, os Reis Católicos compraron en Muros unha nao para que servise ao almirante Cristovo Colón nas súas viaxes ao Novo Mundo.
O documento recolle a seguinte anotación de pagamento:
«122.385 maravedíes gastados en avituallar y pertrechar en el puerto de Muros una nao que era de Pedro Yáñez de Barraca y de Juan de Basarra, vecinos de Muros, “la qual nao se entregó con los dichos pertrechos e bastimentos al comendador Gavriel Valera para las entregar al almirante Christoval Colon para yr a las Yndias”. Se pagan por orden real y nómina de los contadores del reino de Galicia de Santiago, 9 de octubre de 1493. Más otros 1.935 del salario de 15 al millar que corresponde a los tesoreros de la Hermandad».
Os nomes de Pedro Yáñez de Barraca e Juan de Basarra corresponden a dous veciños de Muros que aparecen na relación de habitantes da vila dos séculos XIV e XV e que figuran en documentos conservados no Tumbo da Luminaria de San Pedro.
Pola data do documento (1493), podemos pensar que esta nao formou parte da segunda expedición de Colón ao Novo Mundo. Nesta viaxe, o almirante comandaba unha frota de 17 embarcacións —5 naos e 12 carabelas—, cunha tripulación duns 1.500 homes, que saíu do porto de Cádiz o 25 de setembro de 1493.
As datas parecen concordar. Non obstante, se temos en conta que, daquela, as administracións xa tiñan por costume pagar, igual que agora, tarde e mal, tamén poderiamos pensar que a nao fora destinada á primeira expedición, na que participaron as tres embarcacións coñecidas como a Niña, a Pinta e a Santa María.
Precisamente, esta última era a nao capitá e, segundo coinciden numerosos historiadores, antes de recibir o nome de Santa María chamábase La Gallega, pois hai quen sostén que fora construída nun estaleiro das rías galegas.
Tamén coinciden historiadores e biógrafos do almirante en describilo como unha persoa moi meticulosa, que controlaba todos os detalles e supervisaba persoalmente os preparativos das súas expedicións. Por iso, non sería imposible pensar que Colón estivese en Muros para comprobar as características das embarcacións adquiridas aos veciños da vila.
E xa postos a imaxinar, tamén poderiamos pensar que o almirante aproveitase a súa estancia en Muros para levar consigo a receita da moi famosa galleta de Muros: un pan que, unha vez pasado polo forno, podía conservarse fresco durante meses e meses.
(Calquera día publico a receita deste famoso pan de Muros).
Con estes datos, un pouco de perseveranza e outro pouco de fe, penso que os muradáns podemos presumir de que Muros tivo como visitante ilustre o almirante Cristovo Colón.
E, se a isto lle engadimos a teoría de que Colón era galego e, máis concretamente, que podería ser Pedro Álvarez de Sotomaior, coñecido tamén como Pedro Madruga, a historia aínda se fai máis interesante.
Cómpre lembrar que Pedro Madruga mandou prender o bispo de Tui, Diego de Muros I, ao que mantivo durante meses nunha gaiola pendurada do teito da súa cela.
Pero difícilmente podería ser Pedro Madruga o propio Colón, pois, segundo relatan os historiadores, morreu en Alba de Tormes o 16 de outubro de 1486, sete anos antes da data do documento que nos ocupa.
E así queda aberta a pregunta que dá título a este relato:
E se Cristovo Colón estivera en Muros?
