UCIN Boiro reclama talleres gratuítos de RCP e uso de desfibriladores para toda a veciñanza

A formación en primeiros auxilios pode salvar vidas e a entidade pide ao Concello que faga realidade un acordo plenario aprobado hai máis de tres anos.

BOIRO. UCIN Boiro reclama ao Concello a posta en marcha de talleres gratuítos de reanimación cardiopulmonar (RCP) e utilización de desfibriladores externos semiautomáticos (DESA), dirixidos a toda a veciñanza e aos diferentes colectivos do municipio.

A iniciativa xorde tras a participación do coordinador de UCIN Boiro, Miguel Piqueras, xunto con varios compañeiros, no taller Compostela Reanima, celebrado na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela.

Unha experiencia que, segundo explica Piqueras, lle fixo reflexionar sobre a importancia de achegar estes coñecementos á cidadanía: «Saín de alí pensando nas nosas rúas, nas nosas escolas, nos nosos clubs, nos nosos bares, na nosa xente. Se aprendemos todos, Boiro vai ser un pobo máis seguro e máis humano».

Desde UCIN consideran que calquera persoa pode verse na situación de ter que auxiliar a un familiar, amigo ou veciño ante unha parada cardíaca. Por iso, defenden que contar cunha formación básica en RCP e saber utilizar un desfibrilador pode marcar a diferenza entre a vida e a morte.

A proposta contempla a organización de cursos gratuítos e accesibles para centros educativos, clubs deportivos, establecementos hostaleiros, comercios e asociacións, así como para o conxunto da poboación.

A formación tamén permitiría avanzar no cumprimento dun compromiso municipal pendente. A entidade lembra que hai máis de tres anos o Pleno da Corporación aprobou por ampla maioría a instalación de desfibriladores en diferentes espazos do municipio e a oferta de formación homologada en reanimación cardiopulmonar.

«Boiro merece que aquel acordo se faga realidade. Non podemos esperar a que ocorra unha desgraza para lembrarnos de que isto importa», sinala Piqueras.

O coordinador de UCIN Boiro insiste en que esta petición vai máis alá de calquera cuestión política: «Pídoo coma veciño de Boiro. Ningún de nós quere estar nunca diante dunha persoa en parada cardíaca sen saber que facer. Con coñecemento, ese momento pode acabar en vida».

Con esta iniciativa, UCIN Boiro fai un chamamento ao Concello e á cidadanía para impulsar unha formación que pode beneficiar a toda a comunidade.

«Unha vida salvada pode ser a túa, a miña ou a de quen máis queremos».

UCIN Boiro anima a compartir esta petición nas redes sociais para dar visibilidade á importancia de aprender técnicas de reanimación e conseguir que Boiro avance cara a un municipio máis preparado para salvar vidas.