VECIÑOS DE VALDOVIÑO ALERTAN DUNHA PRAGA DE RATAS E ESIXEN MEDIDAS URXENTES AO CONCELLO

Os veciños de Valdoviño denuncian a proliferación de ratas en distintas zonas do municipio, unha situación que, segundo aseguran, leva anos producíndose e que agora se agravou, chegando a afectar propiedades privadas e vehículos.

O Paseo da Lagoa e a zona de Pantín figuran entre os lugares afectados. Os residentes alertan de danos en coches provocados polos roedores, con reparacións que chegaron a alcanzar os 3.000 euros.

Ante esta problemática, recomendan non deixar os vehículos estacionados durante longos períodos sen revisalos, así como manter portas e fiestras pechadas para evitar a entrada dos animais nas vivendas.

Á presenza de roedores súmanse outras queixas relacionadas co mal estado das estradas, a falta de limpeza e mantemento e as deficiencias nos accesos ás praias.

Por todo iso, os afectados reclaman ao Concello de Valdoviño unha actuación urxente que inclúa unha campaña de desratización, limpeza periódica de rúas, parcelas e contedores, así como a reparación das vías e a mellora dos accesos ás praias.

Os veciños solicitan tamén unha resposta oficial e un calendario con prazos concretos para solucionar estes problemas.

Aseguran que non se trata dunha situación puntual, senón dun problema que se prolonga no tempo e que consideran necesario resolver para garantir a salubridade, a seguridade e unhas condicións dignas para os residentes e visitantes do municipio