ESPAZO COMÚN RECLAMA Á XUNTA UNHA REFORMA DA NORMATIVA URBANÍSTICA NO RURAL PARA QUE O PLAN ‘GALICIA INDUSTRIA 360’ CHEGUE A MAZARICOS

Javier González advirte de que a creación de solo industrial debe ir acompañada de medidas que faciliten a construción e ampliación de vivendas nos núcleos rurais.

Espazo Común reclama á Xunta de Galicia unha maior flexibilidade da normativa urbanística no rural para que o plan ‘Galicia Industria 360’ poida converterse nunha oportunidade real de desenvolvemento económico e demográfico para concellos como Mazaricos.

Desde a formación consideran que o diagnóstico sobre a necesidade de impulsar a actividade industrial e atraer investimentos ao territorio é acertado, pero advirten de que estas medidas poden quedar en papel mollado se non se acompañan dunha reforma das actuais restricións urbanísticas.

Neste sentido, Javier González sinala que **non abonda con ofrecer solo industrial para atraer empresas se, ao mesmo tempo, a normativa continúa dificultando a construción de novas vivendas ou a ampliación das existentes nos núcleos rurais**.

«Non ten sentido falar de captar investimentos e fixar poboación no rural se despois a burocracia e as restricións do solo impiden ampliar ou edificar vivenda nos nosos núcleos», apunta González.

Espazo Común defende que o desenvolvemento industrial debe ir da man dunha política de vivenda que permita aos veciños e ás novas familias establecerse no rural. A formación considera que a dispoñibilidade de vivenda é un elemento fundamental para atraer traballadores, favorecer o asentamento de poboación e garantir que os investimentos teñan un impacto real na economía local.

A formación reclama tamén que Mazaricos sexa incluído de maneira efectiva nas iniciativas contempladas no plan ‘Galicia Industria 360’, lembrando o potencial do municipio, a dispoñibilidade de territorio e a vontade de impulsar novas oportunidades económicas.

«O rural galego non pode ser un mero espectador destas políticas. Desde Mazaricos levantamos a man e exiximos que a Xunta inclúa o noso concello nesta estratexia. Temos o potencial, a terra e a vontade de medrar», sostén a formación.

Por último, Espazo Común insiste en que Mazaricos precisa medidas concretas e non compromisos xenéricos. Para iso, considera imprescindible avanzar simultaneamente na creación de oportunidades industriais e na eliminación dos atrancos que dificultan o acceso á vivenda e o asentamento de poboación.

**«Non queremos promesas a medio gas: queremos que o desenvolvemento industrial e a vivenda sexan unha realidade en Mazaricos»**, conclúe Espazo Común.