Esteiro en Pé solicita unha reunión coa Demarcación de Costas para abordar o peche da pasarela de Evaristo

A plataforma veciñal reclama coñecer os prazos e actuacións previstas e pide unha solución segura e definitiva para recuperar a conexión peonil

Esteiro (Muros). A Plataforma «Esteiro en Pé» solicitou formalmente unha reunión coa Demarcación de Costas en Galicia, na Coruña, para abordar a situación da pasarela peonil de Evaristo, en Esteiro, que permanece pechada ao uso público.

A plataforma veciñal trasladou á Administración a preocupación existente entre a cidadanía polo peche dunha infraestrutura considerada de especial importancia para os desprazamentos peonís da zona. Segundo explica Esteiro en Pé, a interrupción deste itinerario está a provocar dificultades para a veciñanza, residentes e persoas usuarias habituais deste percorrido.

Desde a plataforma subliñan, non obstante, que a seguridade das persoas debe ser a prioridade e que non se debe proceder á apertura da pasarela mentres esta non reúna as condicións técnicas e de seguridade necesarias.

Preto de 1.000 sinaturas

A preocupación pola situación da pasarela levou á plataforma a promover unha recollida de sinaturas, que contou co apoio de aproximadamente 1.000 persoas. As sinaturas foron presentadas inicialmente ante o Concello de Muros, co obxectivo de trasladar ás Administracións competentes o sentir da veciñanza e reclamar que se adopten as medidas necesarias para recuperar a conexión peonil con todas as garantías.

Segundo sinala a plataforma, o Concello de Muros tería trasladado ou solicitado actuacións á Administración competente, aínda que, ata o momento, non se tería obtido unha resposta que permita coñecer con precisión as actuacións previstas, os prazos ou as posibles alternativas para solucionar a situación.

Por este motivo, Esteiro en Pé considera necesario establecer una comunicación directa coa Demarcación de Costas, co fin de coñecer de primeira man a situación actual da infraestrutura e as actuacións técnicas ou administrativas que se contemplan.

Solicitan coñecer os prazos e as alternativas

No escrito presentado ante a Demarcación de Costas, a plataforma solicita que se informe das circunstancias que motivaron o peche, das actuacións previstas e, na medida en que os informes técnicos o permitan, dos posibles prazos para a reparación, rehabilitación ou reconstrución da pasarela.

Así mesmo, reclama que se estuden posibles alternativas técnicas e legalmente viables que permitan facilitar ou recuperar unha conexión peonil segura mentres non exista unha solución definitiva.

A plataforma tamén pide que se favoreza unha interlocución directa entre a Demarcación de Costas, o Concello de Muros e a propia cidadanía, co obxectivo de avanzar na procura dunha solución.

«O peche non pode converterse nunha situación indefinida»

Desde Esteiro en Pé insisten en que a súa petición non pretende reclamar a apertura da pasarela se esta non cumpre as condicións de seguridade esixibles. O obxectivo, segundo explican, é evitar que o peche se prolongue de maneira indefinida sen que a veciñanza dispoña de información sobre as solucións que se están a estudar.

A plataforma reclama, polo tanto, unha solución segura, definitiva e nun prazo razoable, respectando en todo momento os criterios técnicos que determinen os organismos competentes.

Na solicitude tamén se pide unha resposta por escrito da Demarcación de Costas e a indicación dunha posible data para manter a reunión solicitada.

«A cidadanía de Esteiro quere ser escoitada e coñecer cal é a situación real da pasarela, que Administracións teñen competencia sobre a mesma e que actuacións se poden desenvolver para recuperar unha conexión peonil de especial importancia para a zona», sinala a plataforma.