
A plataforma cidadá reclama coñecer as actuacións previstas e os prazos para recuperar esta conexión peonil con todas as garantías de seguridade
Esteiro, setembro de 2026. A Plataforma «Esteiro en Pé» solicitou formalmente unha reunión coa Demarcación de Costas en Galicia, en A Coruña, co obxectivo de coñecer de primeira man a situación actual da pasarela peonil de Evaristo e trasladar as preocupacións da veciñanza ante o seu peche.
A plataforma considera que esta infraestrutura representa unha conexión peonil de especial importancia para a veciñanza de Esteiro, residentes e persoas usuarias habituais deste percorrido. O peche está a provocar dificultades nos desprazamentos e unha crecente preocupación entre a cidadanía.
Desde Esteiro en Pé queren deixar claro que a súa petición non pretende reclamar a apertura da pasarela se esta non reúne as condicións técnicas e de seguridade necesarias. Pola contra, a plataforma defende que a seguridade das persoas debe ser sempre a prioridade e reclama que o peche non se converta nunha situación indefinida.
Preto de 1.000 sinaturas
A preocupación existente na zona quedou tamén reflectida na recollida de sinaturas promovida pola plataforma e presentada inicialmente ante o Concello de Muros, que contou co apoio de aproximadamente 1.000 persoas.
Segundo sinala a plataforma, o Concello de Muros trasladou ou solicitou actuacións á Administración competente, pero polo momento non se coñecen con precisión os prazos, actuacións previstas ou alternativas que permitan resolver a situación.
Por este motivo, Esteiro en Pé considera necesario establecer unha interlocución directa coa Demarcación de Costas, para coñecer as circunstancias que motivaron o peche, os informes ou actuacións técnicas previstas e as posibilidades existentes para recuperar a conexión peonil.
Unha solución segura e definitiva
Na solicitude presentada, a plataforma pide que se informe das actuacións previstas para a reparación, rehabilitación ou, se fose necesario, reconstrución da pasarela, así como dos prazos estimados que poidan determinar os correspondentes informes técnicos.
Así mesmo, reclama que se estuden alternativas técnicas e legalmente viables que permitan facilitar unha conexión peonil segura entre as zonas afectadas mentres non exista unha solución definitiva.
A plataforma tamén considera fundamental a coordinación entre as distintas Administracións implicadas e solicita que a Demarcación de Costas manteña unha interlocución directa tanto co Concello de Muros como coa propia plataforma cidadá.
«Non solicitamos que se abra a pasarela se non é segura. O que pedimos é unha solución segura, definitiva e nun prazo razoable», sinala a Plataforma Esteiro en Pé.
A veciñanza quere coñecer a situación
A entidade cidadá pretende que a reunión sirva para explicar directamente á Administración a situación que se está a vivir na zona e, ao mesmo tempo, coñecer cal é a situación real da infraestrutura, que Administracións teñen competencias sobre ela e que actuacións poden levarse a cabo.
Na súa solicitude, Esteiro en Pé pide tamén unha resposta por escrito e que se indique, se procede, unha data para a reunión coa persoa responsable da Demarcación de Costas.
A plataforma insiste en que o obxectivo da iniciativa é buscar unha solución segura e definitiva, respectando en todo momento os criterios técnicos e de seguridade esixibles.
A veciñanza de Esteiro reclama así ser escoitada e contar con información clara sobre o futuro dunha conexión peonil que consideran importante para a lo
