Estíbaliz Espinosa gaña o XXXIX Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

A poeta e ensaísta coruñesa recibe por unanimidade o galardón do Concello de Dodro pola obra Osa # M, un poemario que aborda a música, a ciencia e os coidados desde unha perspectiva lírica e existencial.

O Concello de Dodro concedeu o XXXIX Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón á poeta e ensaísta Estíbaliz Espinosa pola súa obra Osa # M. O xurado, integrado polas poetas Vanessa Glemsel, Inés Mosquera e Emma Pedreira, xunto co alcalde de Dodro, Xabier Castro, e o concelleiro de Cultura, Ramón Abuín, acordou por unanimidade outorgarlle o galardón.

Nesta edición do certame concorreron un total de 46 obras. O xurado salientou do poemario premiado a súa arquitectura literaria, estruturada en catro movementos, e a capacidade para construír unha mitoloxía arredor do coidado e dos coidados, combinando universos científicos, musicais e mitolóxicos cunha linguaxe de gran precisión e riqueza expresiva.

A acta destaca a creación dunha atmosfera que transita entre o amniótico, o onírico e o crítico, así como a madurez poética dunha proposta que transforma diversos materiais nunha experiencia lírica de forte impacto emocional. A obra, segundo a valoración do tribunal, eleva a maternidade a unha dimensión existencial na que conflúen a creación, a transformación, a vulnerabilidade e os coidados, dando tamén voz a maternidades menos representadas na literatura.

O xurado define Osa # M como unha proposta acolledora e envolvente, capaz de conectar universos diversos e conducir o lector cara a unha revelación emocional inesperada.

Unha traxectoria consolidada na literatura galega

Estíbaliz Espinosa Río é poeta, ensaísta, mezzosoprano e astrónoma amadora. Considerada unha das voces máis singulares e destacadas da cultura galega contemporánea, conta cunha ampla traxectoria literaria de tres décadas, na que obtivo numerosos recoñecementos.

Entre os seus premios figuran o Esquío de Poesía en 1999 por Pan (Libro de ler e desler); o Díaz Xácome de Novos Creadores e o Espiral Maior, ambos en 2001, por -orama e número e, respectivamente; e o XV Premio de Poesía Afundación en 2017 por As neuronas irmás.

Na narrativa, recibiu o Premio de Narrativa Curta José Saramago do Concello de Santiago en 2009 por Pro videncia e o Premio de Narrativa Curta Modesto R. Figueiredo en 2020 por 23 xeitos de nomear unha constelación. Tamén foi distinguida co Premio Luísa Villalta a Proxectos pola Igualdade da Deputación da Coruña na edición 2019-2020.

Homenaxe a Eusebio Lorenzo Baleirón

A entrega oficial do galardón terá lugar o sábado 12 de decembro de 2026, no marco dunha programación especial organizada polo Concello de Dodro con motivo do corenta aniversario do pasamento do poeta Eusebio Lorenzo Baleirón.

A xornada comezará ás 11.00 horas no CPI de Dodro cunha mesa arredor da figura e da obra do escritor, baixo o título A sempiterna poesía de Eusebio. A continuación, celebrarase unha ofrenda floral e unha homenaxe lírica no cemiterio de San Xián de Laíño.

Os actos retomaranse ás 17.30 horas no CPI de Dodro coa presentación do vídeo Eusebio, unha vida curta, unha obra eterna, a entrega do Minipremio E. L. B. 2026 e a entrega do XXXIX Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón a Estíbaliz Espinosa.

O poemario gañador, Osa # M, verá a luz en 2027 nunha editorial de recoñecido prestixio, sumándose así á colección de obras distinguidas cun dos premios de poesía de referencia da literatura galega.