Fabiola García destaca o programa Mentor como referente no apoio á mocidade do sistema de protección en Galicia

A iniciativa, impulsada pola Xunta en colaboración con Igaxes, foi recoñecida pola Unión Europea como exemplo de boas prácticas e ampliouse ao ámbito rural.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026.– A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou hoxe o papel de Galicia como referente no desenvolvemento de programas específicos de apoio á mocidade do sistema de protección, con iniciativas como o programa Mentor. Fíxoo durante o acto conmemorativo do 25 aniversario de Igaxes, entidade coa que a Xunta colabora no impulso deste proxecto.

A conselleira subliñou que Galicia foi pioneira na posta en marcha do programa Mentor, recoñecido pola Unión Europea como exemplo de boas prácticas. A iniciativa naceu nas áreas urbanas e, posteriormente, estendeuse aos concellos máis pequenos e con menor poboación a través do Mentor Rural, co obxectivo de garantir oportunidades de acompañamento tamén no ámbito rural.

García puxo en valor a boa acollida do programa, que se desenvolve coa colaboración do tecido empresarial e asociativo e dos servizos municipais de cada zona. Esta cooperación permite promover oportunidades de desenvolvemento persoal, social e laboral para a mocidade, facilitando a súa integración e o acceso a novas posibilidades de futuro.

Así mesmo, destacou que o Mentor desempeña un papel fundamental na prevención da soidade xuvenil, especialmente no caso das persoas que, ao alcanzar a maioría de idade, deben afrontar unha nova etapa vital. Neste sentido, a iniciativa ofrece acompañamento durante a transición á vida adulta e contribúe a que os mozos e mozas se sintan apoiados e arroupados.

A titular de Política Social e Igualdade incidiu tamén na importancia de fortalecer as redes de apoio social para ofrecer estabilidade e ferramentas que permitan afrontar esta etapa con maiores garantías. Ademais, salientou que programas como o Mentor axudan a combater os estigmas asociados á mocidade que medra no sistema de protección.

Con motivo do 25 aniversario de Igaxes, Fabiola García felicitou a entidade pola súa traxectoria e polo seu labor a prol da inclusión social e das oportunidades de futuro para a mocidade, e reafirmou a importancia da colaboración entre as administracións e as entidades sociais para avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva.