Santa Comba celebrará o seu primeiro foro sobre memoria democrática no rural o 31 de outubro

A xornada incluirá unha homenaxe ás persoas represaliadas da comarca do Xallas, tres mesas de debate sobre a historia local e a proxección do filme Con buena letra.

SANTA COMBA, 14 de outubro de 2026. – O Concello de Santa Comba celebrará o vindeiro sábado 31 de outubro o I Foro de debate sobre memoria democrática no rural, unha iniciativa que busca recuperar a historia local, render homenaxe ás persoas represaliadas da comarca do Xallas e abrir un espazo de reflexión colectiva arredor do pasado. O encontro, organizado coa colaboración da Deputación da Coruña e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, desenvolverase a partir das 17.00 horas no auditorio do Edificio Multiúsos.

Baixo o título Do subsolo ás marxes: Santa Comba, moitas preguntas e algunhas respostas, a xornada reunirá especialistas de distintos ámbitos para abordar, desde a investigación e o diálogo coa veciñanza, diferentes aspectos da memoria democrática no rural.

O programa comezará co acto O nome no fondo da pedra, unha homenaxe cívica ás persoas represaliadas de Santa Comba. Este primeiro espazo estará dedicado á recuperación da memoria histórica local, co propósito de devolverlles a identidade, a dignidade e o recoñecemento público ás persoas que sufriron a represión e quedaron silenciadas.

Tres mesas para recuperar a memoria do Xallas

A partir das 17.15 horas, o bloque Fíos, filóns, tiza e marxes dará paso a tres mesas de debate centradas na explotación mineira, a educación e a represión exercida sobre as mulleres e as disidencias.

A primeira, titulada «Historias debaixo da terra: esperanza e represión desde a cor do wolfram na mina de Varilongo», desenvolverase entre as 17.15 e as 18.00 horas. Nela participarán Xoán Carmona Badía, catedrático de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Santiago de Compostela, e Carmen Blanco Ramos, escritora xalleira e autora do libro O wolframio en Varilongo. Santa Comba de Xallas (1941-1963). O debate afondará na historia da mina e na relación entre a actividade mineira, as expectativas económicas e a represión.

A segunda mesa, «A tiza e o horizonte: o maxisterio e a educación como sementes de liberdade e branco da represión», terá lugar de 18.15 a 19.00 horas. Contará coa participación de Xosé Vicenzo Freire, historiador e profesor, e Narciso de Gabriel, catedrático de Teoría e Historia da Educación da Universidade da Coruña. O encontro analizará o papel do ensino na construción dunha sociedade máis libre e as consecuencias da represión sobre o ámbito educativo.

Pola súa banda, a terceira mesa, «Corpos nas marxes: mulleres e disidencias fronte á violencia estrutural do réxime e do rural», celebrarase entre as 19.15 e as 20.15 horas. Intervirán Carmen V. Valiña, doutora en Historia Contemporánea e directora de PeriFéricas; Salma Turnes Ares, xornalista xalleira, e Daniela Ferrández Pérez, historiadora, investigadora e activista LGTB. A conversa centrarase nas experiencias das mulleres e das disidencias, así como nas distintas formas de violencia e exclusión durante o réxime e no contexto rural.

As dúas primeiras mesas estarán moderadas por José Manuel Vázquez Rodríguez, dinamizador turístico do Concello, mentres que Patricia Val Antelo, concelleira de Cultura, moderará a terceira. Ao remate de cada sesión, o público poderá participar nunha quenda aberta de preguntas.

A xornada rematará cunha proxección cinematográfica

Tras unha pausa entre as 20.15 e as 20.45 horas, na que se ofrecerán petiscos e haberá tempo para compartir conversas, o foro retomará a actividade co bloque Escribir o futuro con boa letra.

Ás 20.45 horas celebrarase a clausura institucional, na que se presentarán as conclusións da xornada e se trasladarán os agradecementos ás persoas participantes. A continuación, proxectarase o filme Con buena letra, unha proposta destinada a prolongar a reflexión colectiva sobre a memoria e o pasado.

Unha iniciativa con vocación de continuidade

A concelleira de Cultura, Patricia Val Antelo, destacou a vontade municipal de dar continuidade ao foro e convertelo nun espazo estable de encontro entre a investigación e a cidadanía.

«Queremos que esta primeira edición teña continuidade e que Santa Comba promova de maneira constante o diálogo sobre a memoria democrática, propiciando o encontro entre investigadoras e investigadores de renome e a cidadanía», sinalou.

Con esta iniciativa, o Concello pretende reforzar a recuperación da memoria democrática local, recoñecer publicamente as persoas represaliadas e achegar o coñecemento histórico á veciñanza, contribuíndo a comprender o pasado e transmitilo ás novas xeracións.

A xornada estará aberta a toda a cidadanía, que poderá achegarse ao auditorio do Edificio Multiúsos para coñecer, compartir e reflexionar sobre as historias que forman parte da memoria colectiva de Santa Comba e da comarca do Xallas.