
Unha nai denuncia a falta de información e consulta ás familias ante a posible reorganización dos campos de adestramento e pide que se busque unha solución que non prexudique os menores.
A posible reorganización dos campos de adestramento da Escola de Fútbol Municipal (EFM) Concello de Boiro está a xerar preocupación entre numerosas familias. Unha nai dun alumno da entidade fixo pública unha carta na que reclama que se arranxe o campo de Vista Alegre e rexeita que os nenos teñan que desprazarse ata Lampón para continuar cos seus adestramentos.
Na súa escrito, a nai cuestiona que, despois de investir preto dun millón de euros no campo de Lampón, a solución pase por trasladar alí os nenos que actualmente adestran en Vista Alegre, en lugar de acometer as melloras necesarias nestas instalacións.
A familia considera que esta decisión suporía importantes dificultades para moitos menores, tanto polos desprazamentos como polos horarios e a conciliación cos estudos e outras actividades. Ademais, lembra que moitos nenos teñen outras actividades e que as súas familias organizan os horarios arredor dos adestramentos en Vista Alegre.
A carta tamén cuestiona que se estea a tomar unha decisión destas características sen contar previamente coa opinión das familias nin explicarlles os motivos do posible traslado.
A nai insiste en que a escola municipal debe priorizar os intereses dos nenos e non as necesidades organizativas do club. Neste sentido, asegura que varias familias xa trasladaron que non están dispostas a aceptar o cambio e que mesmo estarían valorando outras alternativas deportivas se finalmente se leva a cabo.
Por iso, reclama á directiva da EFM Concello de Boiro que cumpra o compromiso adquirido coas familias, convoque unha reunión urxente con pais e nais e escoite as súas propostas antes de adoptar calquera decisión.
A petición tamén se dirixe ao Concello de Boiro, ao que reclama que arranxe Vista Alegre e que resolva coa entidade Sporting de Lampón as cuestións que correspondan, sen que os menores teñan que asumir as consecuencias do conflito.
«Os nosos fillos non son pezas que se poidan mover dun campo a outro segundo os intereses de ninguén», conclúe a nai no escrito, no que defende que os nenos merecen instalacións deportivas dignas, próximas e adecuadas para practicar fútbol en Boiro.
