O PP DE CORCUBIÓN DENUNCIA IRREGULARIDADES NA COLOCACIÓN DE RÓTULOS NO CONXUNTO HISTÓRICO

O Partido Popular de Corcubión denuncia a presenza de rótulos e elementos publicitarios que, ao seu entender, incumpren a normativa de protección do conxunto histórico da localidade.

A formación popular lembra que leva trasladando aos plenos municipais as posibles irregularidades relacionadas co mobiliario urbano e insiste na necesidade de respectar o patrimonio histórico e cultural de Corcubión.

Desde o PP sinalan que, nos conxuntos históricos, unicamente están permitidos determinados rótulos vinculados a servizos públicos, sinalización e establecementos comerciais, sempre que garden harmonía coa contorna. Segundo indican, a normativa prohibe outros anuncios e elementos publicitarios que non se axusten a estes criterios.

A formación tamén cuestiona a aplicación destas normas por parte do goberno municipal, encabezado polo BNG, e sostén que as regras deben cumprirse por igual, independentemente de quen sexa o responsable das instalacións ou da colocación dos elementos.