Familias de acollida de menores saharauís reclaman unha revisión da xestión de Sogaps do programa Vacacións en Paz

Varias familias da Costa da Morte e doutras zonas limítrofes promoven a recollida de sinaturas para solicitar medidas e cuestionan a continuidade da actual presidencia da organización

Varias familias de acollida de menores saharauís na Costa da Morte e noutras zonas limítrofes de Galicia manifestaron o seu malestar coa xestión de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps) no marco do programa Vacacións en Paz. A través dun manifesto, as familias reclaman unha «revisión institucional» do funcionamento do programa, a adopción de medidas e tamén a «reconsideración da continuidade da actual presidencia».

As familias promotoras do escrito están a impulsar, ademais, unha recollida de sinaturas en distintos puntos da zona co obxectivo de trasladar as súas demandas ás institucións e responsables implicados no programa de acollida.

No manifesto, expresan a súa «preocupación e malestar» por determinadas prácticas que, segundo sinalan, se terían producido no marco da xestión do programa. Entre elas, mencionan «situacións relacionadas con solicitudes económicas inapropiadas».

Así mesmo, aseguran que se produciron «presións ou advertencias relativas á continuidade no programa», unha cuestión que, ao seu xuízo, estaría a xerar inquietude entre algunhas das familias participantes.

Outro dos aspectos que critican é a suposta «falta de transparencia e dun clima adecuado de diálogo». As familias consideran necesario mellorar os mecanismos de comunicación e participación para garantir o correcto desenvolvemento dun programa que cada verán permite a chegada a Galicia de menores procedentes dos campamentos de refuxiados saharauís.

Un proxecto sanitario paralizado

O manifesto tamén fai referencia a un proxecto sanitario destinado a atender a menores saharauís. Segundo explican as familias, tratábase dunha iniciativa que pretendía facer posible a intervención cirúrxica de máis de vinte menores.

Os asinantes lamentan que finalmente non fose posible levar adiante este proxecto e aseguran no documento que o seu desenvolvemento foi «impedido e bloqueado por Sogaps».

As familias consideran que esta situación, xunto co resto das cuestións expostas no manifesto, require unha análise por parte das institucións e unha revisión do funcionamento do programa.

Solicitan medidas e diálogo

Ante esta situación, os promotores da iniciativa reclaman unha maior transparencia na xestión de Vacacións en Paz, así como a creación dun marco de diálogo que permita abordar as discrepancias existentes entre a organización e parte das familias de acollida.