Fisterra acollerá a XIX KDD Nacional do Peugeot 205 en maio de 2026

O Concello de Fisterra converterase os vindeiros días 1, 2 e 3 de maio de 2026 nun dos principais puntos de encontro para os amantes do motor coa celebración da XIX KDD Nacional do Peugeot 205. Este evento reunirá máis de 40 vehículos procedentes de distintos puntos do Estado, consolidándose como unha cita destacada para os afeccionados a este emblemático modelo.

Durante estas xornadas, os participantes percorrerán unha ruta que permitirá descubrir algúns dos enclaves máis representativos da Costa da Morte, incluíndo lugares como Carnota, Ézaro e Muxía. A iniciativa combina a paixón polo motor cunha experiencia turística única, poñendo en valor as paisaxes naturais, a riqueza cultural e a recoñecida gastronomía da comarca.

O encontro está organizado polo Club 205 España, unha entidade que traballa na promoción e conservación deste icónico vehículo, que marcou toda unha época no mundo do automóbil. Baixo o lema “Peugeot 205: contigo ao fin do mundo”, a concentración busca tamén reforzar o vínculo entre os participantes e un dos destinos máis singulares de Galicia.

Dende o Concello de Fisterra anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse durante estes días para gozar dunha cita diferente, que mestura tradición automobilística, turismo e convivencia nun entorno privilexiado.

Este evento supón ademais unha excelente oportunidade para promocionar o territorio e dinamizar a actividade local, contribuíndo a situar Fisterra no mapa de grandes encontros automobilísticos a nivel estatal.