
Axentes da Garda Rural interceptaron nas últimas horas a un furtivo na parroquia de Niñóns, pertencente ao concello de Ponteceso, cando transportaba de maneira ilegal un total de 550 gramos de percebes.
Segundo informou a Garda Rural, a actuación produciuse durante un operativo de vixilancia na costa, onde os axentes detectaron a presenza dunha persoa realizando actividade extractiva sen a correspondente autorización. Tras a súa identificación e inspección, procedeuse á incautación do marisco.
Os 550 gramos de percebes decomisados foron entregados posteriormente no Centro A Milagrosa de Carballo, onde poderán ter un fin social e solidario.
Desde a Garda Rural lembran a importancia de respectar a normativa vixente sobre a extracción de recursos mariños, tanto para garantir a conservación das especies como para protexer o traballo dos profesionais do mar que desenvolven a súa actividade de maneira legal.
A intervención enmárcase dentro dos labores habituais de control e protección do litoral galego para combater o furtivismo e preservar os recursos mariños das nosas costas.