Luz Casal destina os 10.000 euros do Premio Fernández Latorre a equipar a Biblioteca de Boimorto

A cantante, veciña e Filla Predilecta de Boimorto, doará a contía íntegra do galardón para financiar o mobiliario e o equipamento das novas instalacións municipais.

Boimorto continúa sumando cultura grazas á colaboración da súa veciña máis ilustre, a cantante Luz Casal, que destinará os 10.000 euros do LXVIII Premio Fernández Latorre ao equipamento e mobiliario da Biblioteca Municipal.

A entrega do galardón tivo lugar onte en Arteixo, nun acto no que se recoñeceu a traxectoria da artista, veciña e Filla Predilecta de Boimorto.

Máis alá do recoñecemento recibido, Luz Casal quixo ter un novo xesto de compromiso co municipio no que mantén as súas raíces, cedendo a totalidade da contía económica do premio para contribuír á posta en marcha da biblioteca.

Esta achega permitirá completar o acondicionamento do espazo municipal, despois das obras de reforma e mellora realizadas polo Concello. O obxectivo é crear unhas instalacións modernas e acolledoras, concibidas como biblioteca, aula de estudo e zona de traballo compartido ao servizo da veciñanza.

Desde o Concello destacan a importancia desta colaboración, que permitirá dotar o edificio do mobiliario e dos recursos necesarios para a súa utilización.

A nova Biblioteca de Boimorto está cada vez máis preto de abrir as súas portas, converténdose nun espazo destinado á lectura, ao estudo, á convivencia e á actividade cultural do municipio.

Unha achega de 10.000 euros coa que Luz Casal volve demostrar o seu vínculo con Boimorto e o seu compromiso coa cultura e coa súa veciñanza.