Maite Márquez Caneda xubílase despois de 42 anos ao servizo do Concello de Carballo

A Alcaldía acolleu unha emotiva homenaxe á funcionaria, que deixa atrás máis de catro décadas de traxectoria profesional e de compromiso coa veciñanza

Hai despedidas que van moito máis alá dun trámite administrativo. A de Maite Márquez Caneda, que este martes asinou a súa xubilación despois de 42 anos como funcionaria do Concello de Carballo, converteuse nunha homenaxe cargada de emoción, lembranzas e tamén moito humor.

A Alcaldía quedou pequena para acoller aos compañeiros e compañeiras, membros do goberno municipal, familiares e amizades que quixeron acompañar a Maite neste día tan especial. Ao longo da súa extensa carreira, ocupou un posto de carácter transversal que lle permitiu relacionarse con boa parte dos departamentos municipais e compartir o día a día con varias xeracións de traballadores e traballadoras.

A secretaria accidental, Susana Mariño, foi a encargada de abrir as intervencións e puxo en valor a presenza constante de Maite ao longo destas catro décadas, así como a pegada persoal e profesional que deixa entre os seus compañeiros e compañeiras.

Pola súa banda, o alcalde, Daniel Pérez, destacou o seu elevado nivel de compromiso e, especialmente, a súa maneira próxima de relacionarse coas persoas. Segundo salientou, esa capacidade para axudar, escoitar e facilitar o traballo dos demais tamén forma parte da maneira de construír Concello desde o día a día.

Unha testemuña da transformación da Administración local

Os 42 anos de Maite Márquez no Concello son tamén unha pequena historia da evolución da Administración local. Durante a súa intervención, ela mesma lembrou os cambios vividos desde dentro: dos tempos nos que boa parte dos traballos se realizaban manualmente á chegada das primeiras impresoras e á progresiva modernización dos procedementos administrativos.

Esta casa forma parte das miñas engurras. E sempre formará parte”, confesou emocionada. Maite asegurou tamén que traballar na función pública foi “unha das cousas máis bonitas que che pode pasar” e recoñeceu que os anos vividos no Concello forman parte das experiencias fundamentais da súa vida.

O acto tivo tamén espazo para o humor. Os seus compañeiros e compañeiras sorprendérona cun particular kit de pintora de vaos, en lembranza dunha das múltiples tarefas e anécdotas asociadas á súa traxectoria municipal. O agasallo incluíu mesmo un uniforme da brigada de Obras.

Como recordo institucional dos seus 42 anos de servizo público, o alcalde entregoulle o tradicional carballo de Sargadelos, acompañado dunha dedicatoria conmemorativa.

Unha despedida rodeada de afectos

A familia tivo tamén un papel protagonista na homenaxe. Maite estivo acompañada polo seu fillo e pola súa neta, ademais da súa amiga e pintora Milagros Cotelo, que quixo sumarse á celebración cun agasallo moi especial: un fermoso cadro.

A despedida rematou na Praza do Concello, cunha foto de familia na que Maite quedou rodeada de moitas das persoas coas que compartiu unha parte fundamental da súa vida profesional.

Agora comeza para ela unha nova etapa. Atrás quedan unha mesa, unhas funcións e 42 anos de traballo, pero permanece a pegada dunha vida enteira ligada ao Concello de Carballo e ás persoas que formaron parte deste longo percorrido.